Unha evolución espectacular

Marco Casal, director deportivo da Federación Galega de Tenis

AROUSA

JOHN G. MABANGLO | EFE

O director deportivo da Federación Galega de Tenis, Marco Casal, analiza o porqué do último gran salto adiante de Jéssica Bouzas

16 abr 2024 . Actualizado a las 20:29 h.

A evolución de Jéssica desde o comezo de ano está sendo espectacular. Comezando por torneos de 50.000-75.000 dólares ata 100.000 e clasificándose para Roland Garros e entre as 100 primeiras do ránking WTA. Creo que Jéssica encontrou co seu novo equipo técnico o equilibrio e a sintonía perfecta, atoparon as teclas que funcionan. Os límites poráos a ambición que ela mesma teña, porque o nivel de xogo teno, sen dúbida.

Nestes niveis top, os temas emocionais, os límites que te poñas, inflúen moito. A Jéssica véselle con moita confianza, moi solta, e unha xogadora que demostra a constancia e o equilibrio que está amosando ela, rendindo en todos os torneos, é moi perigosa para as súas rivais. Nos últimos anos, o tenis feminino estáse a caracterizar por moitos picos, baixadas e subidas no ránking. Este ano Jéssica está demostrando un gran nivel todas as semanas, e iso inflúe tamén na forma de xogar contra ela. Deséxolle moita sorte a Jéssica, que siga dándonos moitas alegrías e que cumpra todos os soños que teña na cabeza.