Catro medallas e pleno de finais, colleita do piragüismo arousán no Mundial de Plovdiv

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

RFEP

Manuel Fontán, Lucía Tenreiro e Pedro Torrado foron os nomes propios da comarca na gran cita júnior e sub 23 de esprint

23 jul 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A selección española de piragüismo esprint iniciaba a mércores da semana pasada o Campionato do Mundo Júnior e Sub 23 con oito padexeiros arousáns nas súas filas. Oito deportistas que ofreceron unha actuación sobresaínte na pista da cidade búlgara de Plovdiv, disputando a totalidade das finais polas medallas dos trece barcos nos que competiron, só tres delas directas sen series nin semifinais de corte, e sumando catro medallas.

Manuel Fontán, canoísta vilanovés do Náutico O Muíño de Ribadumia, foi o gran protagonista arousán da cita. Xunto a dous dos seus compañeiros no grupo nacional de canoa no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra subiuse ao podio búlgaro dos dous barcos nos que padexou. O venres, colgándose a prata na final sub 23 do C2 500, a canoa olímpica de equipo, a dúo con Martín Jácome, irmán da estrela internacional da canoa feminina e favorita a medalla nos Xogos de París en cuestión de dúas semanas Antía Jácome: 205 milésimas de segundo separaron a Fontán e Jácome dos bielorrusos Ilya Verashchaka e Stanislau Savelyeu. Dous días despois, na mañá do domingo, Fontán convertíase en campión do mundo do C2 1.000, desta volta man a man con outro dos galegos que a comezos do vindeiro mes buscará a gloria olímpica na capital francesa, o compañeiro de Martín Jácome no Escuela Piragüismo Ciudad de Pontevedra Pablo Crespo. O seu crono gañador, 3.40,583, 0,636 segundos menos cos bielorrusos Uladzislau Paleshko e Danila Verashchaka, subcampións.

As outras dúas grandes alegrías para o piragüismo arousán materializáronse en forma de bronces. O que conseguía o venres a padexeira do Piragüismo Illa de Arousa Lucía Tenreiro como parte da tripulación do K4 500 Júnior Feminino, acariñando só pouco máis de hora e media despois o mesmo posto no K2 500 Mixto Júnior. E o bronce do vilagarcián das Torres-Romaría Vikinga Pedro Torrado o sábado no C2 500 Mixto Sub 23 xunto coa pontevedresa Claudia Couto, curmá de Martín Jácome.

Rozando o podio

Ao de Lucía Tenreiro no K2 500 Mixto Júnior hai que sumarlle outro cuarto posto arousán no Mundial de Plovdiv. O que o sábado asinaba a grovense do Piragüismo Poio, Valeria Oliveira, a bordo do C4 500 Sub 23 Feminino.

Os últimos en competir o domingo, xunto a Manuel Fontán, foron o padexeiro das Torres-Romaría Vikinga Jairo Zurita, que rematou sétimo na final do C2 1.000 Júnior xunto a Martín Expósito (EP Ciudad de Pontevedra), e a deportista do Náutico Pontecesures Nerea Novo, que facendo tándem con Ulises Colastra, do Escuela Piragüismo Aranjuez, ocupou a sexta praza do relevo mixto do C1 5.000.

Pablo e Marta Castiñeiras, campións de España promesas

Os padexeiros das Torres-Romaría Vikinga de Catoira Pablo e Marta Castiñeiras proclamáronse a pasada fin de semana campións de España promesa. Pablo, gañando a final do C1 1.000 da categoría infantil B. Marta, cunha axustada vitoria na regata polo título de muller cadete A. O Campeonato de España de Jóvenes Promesas reuniu no encoro pontevedrés de Pontillón do Castro, Verducido, a máis dun milleiro de padexeiros, case a metade, 458, galegos.