Loli Rodríguez é unha produtora de Vilanova que afronta no seu día a día todas as problemáticas que conleva dedicarse a un sector que se sente menosprezado e sen axudas por parte das administracións
22 ago 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Dende hai cinco anos, Loli Rodríguez é a nai de xemelgos, pero dous anos antes xa coidaba das abellas das duascentas colmeas que ten ao seu cargo. A Abella Menciñeira é un proxecto que nace en Ousensa, Vilanova, dunha etapa na vida de Loli Rodríguez na que se produce unha catarse persoal. Falando un día co seu pai, este comentou que se ían plantar sete hectáreas de castiñeiros nos montes de Sobrán, e ela, que leva toda a súa vida tendo colmeas na casa, veu como se prendía unha lámpada.
A dona da Abella Menciñeira non conta cunha tenda física, senón que a venda a fai en diferentes feiras de Vilagarcía, Cambados e Vigo, entre outros lugares, onde coñece aos amantes dun produto que, durante o inverno, contactan con ela a través da mensaxería o da súa páxina web. A marca vende mel de catro tipos: o de flores silvestres, con cuantiosas propiedades; o de eucalipto, que axuda ao sistema respiratorio; o de castaño, que combate problemas circulatorios; e o de brezo, que adquire dun compañeiro produtor do Courel e que ten propiedades que axudan ao sistema urinario. «Os gregos e romanos dicían que unha persoa podía sobrevivir varios días só a base de mel e polen, sería por algo!», exclama a nosa protagonista.
Ademais comercializa propóleo, algo que para as abellas tan só é unha especie de cemento co cal tapar os imperfectos da colmea, pero que para o ser humano é imprescindible polas súas propiedades antibióticas, antifúnxicas e antivirais. «Se un animal, como un rato, entra na colmea, as abellas mátano e propolízano, de forma que o seu corpo queda momificado e non contamina o mel. Xa os exipcios utilizaban este produto para as súas propias momificacións», explicaba Loli Rodríguez.
Conseguir o mel é un traballo laborioso e que esixe grandes coidados. Dende a creación do produto por parte das abellas ata o seu envasado requírese un filtrado. Moitas empresas pasan o mel por unha malla que retira todo o polen, co cal tamén se eliminan as súas propiedades e queda un edulcorante. Pola contra, a Abella Menciñeira pasa o produto por unha malla que só elimina restos de cera e patiñas ou ás de insectos. Ademais, co paso do tempo, nos seus botes pódese ver como o produto se cristaliza. «Se no supermercado se compra un mel e despois de dous anos segue líquido, significa que foi pasteurizado, non como o noso, que é cru porque non pasa por este proceso. Se quentas de máis o mel, este dura liquido sempre, pero as propiedades desaparecen», explica a apicultora.
O problema non é so a perda de calidade. «Hai marcas galegas que traen mel do sur de España por dous ou tres euros o quilo. O mel de Galicia é excelente porque aquí só existe o minifundio, hai multitude de especies e cultivos. De cantas mais plantas estea composto o mel, máis rico en propiedades é. Un mel de eucalipto ten que ser un 70 % polen de esa especie, pero o 30 % restante está composto por decenas, ou incluso centos de variedades botánicas», revelaba Loli Rodríguez.
Se botamos a vista atrás, hai máis de trinta anos, as abellas eran unhas creadoras independentes, non necesitaban coidados, simplemente controlar como ían e recoller o mel. Pero agora todo isto mudou e producir este manxar significa traballar todos os días do ano. «Teño que loitar para vender o mel a 12 euros» declara a produtora. Debido aos prezos cos que algunhas empresas venden o seu produto, dicindo que o mel é recollido en Galicia, cando na realidade proceden de outros lugares; e o feito de que a xente asuma que o mel non dá traballo xera prexuízos que fan que, en canto a dona de a Abella Menciñeira desvela o prezo do seu produto, a xente mude de opinión. «Co prezo da miña mel curo a artrose; en canto o digo, marchan correndo», di entre risas a muller. O que non cura o mel ten que ser eliminado polos apicultores, os cales fan fronte ás pragas que ameazan a produción das abellas.
Dende Europa e o Goberno central esíxese que unha vez ao ano se aplique un tratamento para frear o avance do ácaro da varroa, que elimina a poboación de abellas. Esa aplicación de químicos está subvencionada, en parte, pola administración pública, pero en Galicia non é suficiente. A varroa está ligada á reprodución de abellas, e canta máis actividade teñan, máis ácaros. A teoría di que en inverno as abellas poñen moi poucos ovos, pero na práctica, as temperaturas suaves da costa fan que as abellas galegas se reproduzan todo o ano, con maior ou menor intensidade. Por isto son necesarias ata tres aplicacións de tratamento ao ano, dúas delas sen axuda, o que supón unha carga enorme para os apicultores que queren manter unhas conducións hixiénico sanitarias óptimas.
«As velutinas son como o covid, viñeron para quedarse», declara Loli Rodríguez. Non hai moito que poidan facer contra esa especie invasora que mata as abellas galegas, tan só trampas en setembro e na primavera. «Eu vin como a poboación de abellas de unha colmea diminúa ata un 30 % en menos de doce meses. Pero coñezo a pequenos produtores que en un ano só lle quedaban a metade de colmeas e no segundo ano xa non tiñan nada. Como somos un sector que move poucos cartos, dende a administración pública non se fai todo o que se debería. Se afectase a producións como a do viño, si se tomarían medidas», confesa a produtora.
Como se pode ver o mel é un produto utilizado polos ser humano durante séculos pero cuns coidados que cada vez fan máis difícil a súa produción.