Valga continúa a desvelar a versatilidade da anguía no marco do Agosto Gastronómico
AROUSA
No terceiro showcooking houbo receitas da cociña asiática, árabe e italiana.
21 ago 2024 . Actualizado a las 19:07 h.Universo Anguía, o penúltimo showcooking do Agosto Gastronómico, ofreceu este martes un percorrido internacional no que os asistentes puideron comprobar como pode introducirse este peixe en pratos típicos de cociñas como a asiática, a árabe ou a italiana. Dous dos catro pratos que preparou o chef lalinense Álex Iglesias tiveron a particularidade de incluír anguía afumada, «que non é moi habitual en Galicia, pero que sen embargo é moi cotizada e tradicional en Italia, nos países do leste e nos asiáticos», explicou. O propio cociñeiro encargouse de afumar o peixe no seu fumeiro, onde as anguías, sen espiñas e abertas, permaneceron durante catro días.
O resultado puido degustarse en forma de makis e ñoquis. A terceira elaboración internacional foi unha ensalada de cuscús con sofrito de verduras, coandro e anguía. E, para pechar esta velada gastronómica, os comensais degustaron unha anguía en tempura con verduras.
Esta foi a última receita de Álex Iglesias no marco deste Agosto Gastronómico. O cociñeiro do restaurante Dúas Liñas, en Arzúa, será tamén o encargado de elaborar catro das tapas que poderán degustarse o vindeiro 31 de agosto no parque Irmáns Dios Mosquera, no día grande da festa da Anguía e Mostra da Caña do País. A quinta será a tosta de anguía sobre rulo de cabra con salsa de pemento morrón e pistachos.
Pero antes, aínda queda pendente a última actividade do Agosto Gastronómico, unha demostración de coctelaría con caña do país que terá lugar o vindeiro 27 de agosto.