«As bandas precisan empezar nun Ameixa Rock para chegar ata o Son do Camiño»
AROUSA
Grande Amore é a aposta forte do festival, programado o 7 e 8 de setembro
30 ago 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Carril, tal e como confesaba a concelleira de Cultura de Vilagarcía, Sonia Outón, «tampouco para durante todo o verán». Un punto final para as festas do pobo arousán que non chegará ata que conclúa o Ameixa Rock. O festival, programado o 7 e 8 de setembro, foi presentado onte na Sala de Xuntas do Concello de Vilagarcía polo alcalde, Alberto Varela, pola propia Sonia Outón, e por un dos organizadores do evento, Elpidio Costa.
O cartel para o Ameixa Rock deste ano —que se converte na décimo primeira edición da festa— mestura tanto grupos emerxentes —como Rompekalaberas— con outros máis coñecidos —Grande Amore—, e botando man do artefacto tan célebre no municipio, a Duendeneta, da man de Kris DJ. O organizador explicou o cartel partindo da primeira actividade do festival, as viaxes á illa de Cortegada: «Como sempre, Carril e Cortegada, collidos da man. Non podemos facer nada sen que estea involucrada», afirma Costa.
Tamén na xornada de apertura do festival, e a modo de sesión vermú, o guitarrista e compositor Suso Aboy deleitará os asistentes coa súa música. Xa na quenda de noite será o momento de Rompekalaberas, The Lelli Kelly's e Grande Amore, nesa orde. O broche final da noite porao Kris DJ, na Duendeneta.
As sesións pensadas para o domingo darán comezo co vermú da man de Perfect Strangers, anticipando unha «novidade de última hora», como explicaban na rolda de prensa, que consiste na aposta de Alejandra e Alexandre, filla e pai. Ambos pincharán vinilos namentres explican a historia do rock e dos temas que soarán durante o seu concerto.
A forma de financiar o festival, a maiores da axuda do Concello —que este ano foi de 7.000 euros—, foi un crowdfunding mediante o cal están tentando conseguir cerca de 2.000 euros, mais para o que «hai que chegar a un tope para que che dean todos os cartos». Pese a esta norma, ELpidio Costa afirma que están «a 150 euros de chegar aos 2000», facendo, ao mesmo tempo, alusión a outras administracións: «Darlle un pequeno tirón de orellas ás outras administracións, que non é que non se involucren, porque si que sacan axudas para festivais. Pero igual pediría dúas cousas: un pouco máis de transparencia e de implicación para os festivais pequenos», pois segundo Costa, «para tocar un día nun Son do Camiño teñen que empezar por un Ameixa Rock».
O alcalde, Alberto Varela, quixo convidar tanto a veciños de Carril como a posibles visitantes a asistir á cita co rock da próxima fin de semana, pois para el é un ambiente bo e con boa música nun marco inigualable do «que temos a sorte de que estea na nosa cidade».