O Arousa abre no Manuel Jiménez a Liga de División de Honor Juvenil ante o Sporting de Gijón

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

Perú mantén tan só cinco futbolistas do seu cadro de xogadores da temporada anterior

31 ago 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O equipo de cabeceira da canteira do Arousa anticípase unha semana ao cadro de Míchel Alonso e hoxe, ás 17 horas no campo municipal Manuel Jiménez, abre a súa terceira participación consecutiva na Liga de División de Honor Juvenil. O seu primeiro rival, un dos cocos do Grupo 1 da máxima competición do fútbol base español, o Sporting de Gijón, ao que o Arousa non deu gañado inda, cun balance de dúas derrotas e de dous empates.

David López, Perú, volve ser, como nos dous cursos precedentes, o adestrador do conxunto vilagarcián na DHJ. Desta volta, coa difícil misión de pelexar o obxectivo da permanencia, evitando un dos catro últimos postos entre os 16 equipos do grupo ao termo da liga, dispoñendo tan só de cinco dos futbolistas que o curso anterior levaran o nome do club ao noveno posto na clasificación. Catorce xogadores son hoxe séniores de primeiro ano, e Campos e Memet cambiaron de vestiario, polo do Celta e o do Burgos de DHJ, respectivamente.

Perú fixo fronte á saída masiva de efectivos subindo a 14 rapaces que o curso anterior militaban no Arousa de Liga Nacional Juvenil e fichando o porteiro Hugo (AJ López), o mediocentro Úbeda (Portonovo) e os dianteiros Pedro Bouzada (Celta), Alejo (Amanecer) e Adrián (Conxo).