Un concerto sinfónico cos temas dos filmes de Batman porá o colofón a un Curtas de Vilagarcía que promete emocións fortes
AROUSA
O festival programará 27 longas e 86 curtametraxes dos cinco continentes e contará coa presenza de Jorge Fornés, debuxante do Home Morcego, ou o guionista de «Apocalipsis Z: El principio del fin» a cinco días da súa estrea en Amazon Prime
16 oct 2024 . Actualizado a las 21:14 h.Máis dun cento de filmes —86 curtametraxes e 27 longos— de 31 países dos cinco continentes, con 99 estreas en Galicia, España, Europa ou (15) mundiais. O Curtas Festival do Imaxinario de Vilagarcía de Arousa promete emocións fortes na que será a décima edición desde que no 2015, co desembarco de Luis Miguel Rosales e o seu equipo, un ata entón certame canónico virara nunha gran fiestra para o cinema e o cómic dos xéneros de terror e fantástico. O director do Curtas debullou hoxe no Salón García da localidade pontevedresa, sede do festival, os detalles dun potente programa que volve reunir proxeccións de primeiro nivel con actividades paralelas pensadas para namorar a todos os públicos. E con Batman campando por Vilagarcía desde a primeira á derradeira das nove xornadas dunha cita que se estenderá do 25 de outubro ao 2 de novembro.
O Batman de Tim Burton é este ano o filme elixido polo Curtas para a súa apertura. Os afeccionados máis rápidos —todas as proxeccións do certame volverán ser gratuítas e a entrada por orde de reserva a través da súa web— poderán gozar o primeiro venres do Festival do Imaxinario, desde as 21.30 horas no Salón García, da mítica primeira entrega 35 anos despois da súa estrea, con Michael Keaton baixo a máscara do Home Morcego, acompañado de Kim Basinger e de Jack Nicholson no papel de Joker.
Completando un círculo perfecto, o equipo de Luis Miguel Rosales preparou un colofón espectacular para a próxima edición do Curtas. O sábado 2 de novembro, a partir das 21.30 horas no Auditorio Municipal de Vilagarcía, a Orquestra Sinfónica A Clásica de Vigo ofrecerá A Sinfonía do Morcego. Un «evento único», explica o director do festival, «producido por nós mesmos xunto coa orquestra de Vigo, que contará con máis de 70 músicos baixo a batuta de Manuel Martínez Álvarez-Nava» aplicados a deleitar o público presente —o concerto tamén é gratuíto— cun repaso ás bandas sonoras dos sete filmes sobre Batman estreados desde 1989: as composicións de Danny Elfman en Batman e Batman Returns, as creacións de Elliot Goldenthal para Batman Forever e Batman e Robin, e as partituras saídas das mans de James Newton Howard e de Hans Zimmer para a maxistral triloxía dirixida por Christopher Nolan, con Christian Bale no rol do protector de Gotham City.
Xunto a estes dous golpes de efecto no programa, e ademais das dúas exposicións monográficas abertas desde o pasado día 4 no Salón García, a homenaxe do Curtas ao Home Morcego polos 85 anos desde a creación do personaxe por Bob Kane e Bill Finger incluirá o paso de Jorge Fornés por Vilagarcía. O Sábado 2 de novembro, os fans de Batman poderán escoitar e conversar co ilustrador barcelonés, que tras compaxinar os seus primeiros traballos en editoriais independentes cun emprego nun taller de coches, no 2014 entrou en DC converténdose nun dos ilustradores máis recoñecidos do alter ego de Bruce Wayne, con guión de Tom King. Fornés salienta nos últimos tempos polo seu traballo na serie sobre Rorschach, do universo Watchmen, e Daredevil (Marvel).
No tocante ao cerne do festival, as seccións oficiais vertebradas baixo a etiqueta de Fantástica contarán con 12 longametraxes e 38 curtas. Entre as primeiras salientan títulos como as arxentinas 1978, de Nicolás e Luciano Onetti, que chegará acompañada de numerosos premios, e a estrea mundial de Retratos del Apocalipsis, dirixida por Fabián Forte, Nicanor Loreti e Luca Castello; tamén un dos catro filmes españois a concurso, Historias de Halloween, con Kiko Prada á fronte e María Barranco encabezando o reparto.
Catorce curtas do país na sección Feito en Galicia son outro dos alicientes dun certame vilagarcián con ata dez longas na sección Alucine, entre as que destaca a terceira entrega da saga Terrifier.
«O chepudo de Notre Dame» de 1923 con música en directo
Nas súas últimas edicións, o Curtas adquirira un elegante hábito. O de abrir a súa carteleira coa proxección dalgún dos grandes clásicos do cine mudo de terror acompañado do directo da música e das partituras do grupo de cámara vigués Caspervek, especializado nestas lides. Cuestións loxísticas obrigaron este ano a levar a proposta ao segundo venres do certame, con «O chepudo de Notre Dame» de Lon Chaney de 1923 en pantalla xigante, noutro dos moitos agasallos que o festival vilagarcián lles regala cada ano aos amantes do xénero.
O MOTELX de Lisboa é o certame convidado no ano do Batmóbil
O Curtas segue a camiñar na consolidación da que, pretende a súa organización, se converta noutra das súas constantes: a presenza en calidade de convidado dun festival do xénero. Desta volta, o elixido é o MOTELX de Lisboa, presente en Vilagarcía acompañado dunha escolma de catro curtametraxes portuguesas.
Pedro Souto, director de MOTELX, será ademais un dos tres integrantes do xurado oficial do Curtas, xunto ao ourensán Óscar Doviso, produtor, realizador e, tamén, director do Festival RiR, e Sandra Henriques, escritora de terror e cofundadora de Fábrica do Terror, único sitio web dedicado integrante ao xénero feito en Portugal. As súas decisións coñeceránse co Batmóbil dos filmes de Tim Burton aparcado aos pés do Auditorio de Vilagarcía.
O castelo de vampiros de Polanski e feiras de artistas e obxectos curiosos
O programa de actividades paralelas ás proxeccións das 113 longametraxes e curtas das diferentes seccións do Festival do Imaxinario de Vilagarcía de Arousa volverán contar coa feira de artesanía e de obxectos curiosos, este ano, fixada do 1 ao 3 de novembro.
Unha semana antes, como novidade, a organización ofrecerálles a 15 creadores galegos, desde escultores de figuras a ilustradores ou deseñadores de camisetas, a posibilidade de amosar e de vender as súas obras na Artist Alley que se instalará na última planta do Salón García, ocupando xunto cunha zona de xogos de rol o espazo da antiga biblioteca municipal os días 26 e 27 de outubro.
Entre unha e outra actividades, o Samaín Arrepiante, con actuacións na rúa e unha cea con proxección de O baile dos vampiros de Roman Polanski e actores interactuando cos comensais na Praza da Peixería nun espazo que recreará o castelo do conde Von Krolock.
Charla do guionista de «Apocalipsis Z» a cinco días da estrea en Amazon
Durante a presentación do programa, Rosales adiantou os primeiros nomes de convidados que protagonizarán un dos espazos máis devecidos polos asistentes ao Curtas, os encontros con creadores de cinema e de cómic. Entre eles, ademais do apuntado Jorge Fornés, dos autores de tres das exposicións da vindeira edición, Jaime Martín, Enrique V. Vegas e o experto en H.P. Lovecraft Luis Camacho, ou do director de Historias de Halloween, Kiko Prada, figuran Richard Stanley e Ángel Agudo.
Este último, madrileño da colleita de 1980, é o guionista de Apocalipsis Z: El principio del fin, o filme dirixido por Carles Torrens que adapta o éxito literario mundial do pontevedrés Manel Loureiro, e que manterá un encontro cos afeccionados o sábado 26 de outubro ás 19.30, cinco días antes da estrea da película en Amazon Prime.
O australiano Stanley, pola súa parte, é un recoñecido realizador do xénero do terror, cun par de títulos de culto, Hardware, preparado para matar e O demo do deserto. Con todo, a súa escolla para esta edición do Curtas vén dada pola súa incursión no mundo de H.P. Lovecraft, creador do Cthulhu que desde este ano serve de logo ao festival, en Color out of space, con Nicolas Cage de protagonista.