Suma e segue para o Asmubal Meaño, desta volta ante o inocente Juventud Las Palmas

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

O conxunto galego impúxose 30-21 en Dena

22 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Semellaba o encontro da quinta xornada de Liga de División de Honor Plata Femenina unha nova ocasión propicia para que o Inelsa Solar Asmubal Meaño ampliara a súa espectacular folla de servizos nestes primeiros compases de temporada. O Juventud Las Palmas chegaba o pasado sábado ao Pavillón Coirón Dena como uno dos tres equipos do Grupo A que inda non fora quen de puntuar, e colleu o voo de regreso ás illas afortunadas sen cambiar de estatus, logo de encaixar un 30-21 do conxunto que adestra Juan Manuel Costas.

Certo é que esta resultou a vitoria máis discreta de entre as goleadas coas que o Asmubal Meaño leva resolvendo todos os seus compromisos de Liga desde que esta empezou. Tras o primeiro triunfo por debaixo dos dez goles de diferenza agóchase a dificultade que un equipo co poderío do arousán ten para manter a tensión fronte a un rival netamente inferior como o Juventud Las Palmas. Un pequeno lastre ao que sumou a decisión do adestrador local de aproveitar a ocasión para darlles moitos minutos ás xogadoras secundarias no seu sistema de xogo e limitar o desgaste das súas principais pezas pensando no duro enfrontamento que, este vindeiro sábado, de novo no Coirón Dena, lle tocará afrontar ao Asmubal ante o Rocasa Gran Canaria.

FICHA DO PARTIDO:

INELSA SOLAR ASMUBAL MEAÑO (30): Nadia Vázquez, Raquel Sineiro, Danilza Liranzo (2), Sofía Arangio (2), Cárol Ferreira (5), María Currás (3), Andrea Cores (1), Agustina Ballada, Eli Méndez (3), Laura Miniño (7), Paula Rey (4), Luna Otero, Vanesa Domínguez e Shaila Fernández (3). 

JUVENTUD LAS PALMAS (21): Malvar (1), Ariadne Lozano (1), Padrón (1), Michelle Martín, Vaitiare (3), Quintana (3), Michelle Sánchez, Rivero, Daniela Domínguez, Falcón, Victoria Díaz (10), Claudia García, Ariadne Flores (1) e Carla García (1). 

MARCADOR CADA CINCO MINUTOS: 2-1, 4-2, 7-4, 9-5, 11-8, 14-9 (descanso); 17-12, 19-15, 21-16, 24-18, 28-19 e 30-21.

ÁRBITROS: Javier García e Pablo Naranjo. Sinalaron dúas exclusións nas filas locais e catro nas visitantes.