A Deputación distribuirá este ano 11 millóns de euros para investimentos nos concellos de Arousa

La Voz VILAGARCÍA

AROUSA

O presidente da Deputación, Luis López, (dereita) co alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela
O presidente da Deputación, Luis López, (dereita) co alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela MARTINA MISER

Desta cantidade, 1,7 millóns corresponden ao Plan de Infraestruturas Deportivas

10 ene 2025 . Actualizado a las 20:04 h.

Os concellos de Cambados, Catoira, O Grove, A Illa de Arousa, Meaño, Meis, Pontecesures, Ribadumia, Sanxenxo Valga, Vilagarcía e Vilanova recibirán este ano preto de 11 millóns de euros para investimentos través do +Provincia da Deputación, o plan de obras e servizos de competencia municipal, do que lles corresponden máis de 9 millóns de euros, e do II Plan de Infraestruturas Deportivas, con preto de 1,7 millóns.

O presidente da Deputación, Luis López, dirixiuse por carta aos alcaldes para informarlles da asignación dos recursos de ambos plans, así como do Plan Extra. «Queremos seguir avanzando conxuntamente nun modelo de cooperación e lealdade institucional que permita desenvolver as múltiples potencialidades da provincia», indicou.

O +Provincia 2025, para o que se poden presentar proxectos ata o 2 de abril, está dotado cun total de 48,2 millóns de euros para os 59 municipios de menos de 50.000 habitantes da provincia. Como novidade, este ano admite a posibilidade de financiar investimentos de carácter plurianual, «co obxectivo do goberno provincial de seguir tendendo pontes de colaboración cos concellos para sustentar o labor municipal e facilitar ao tempo a execución de investimentos estratéxicos que lle brindan un servizo esencial á veciñanza», indican desde a Deputación.

As cifras por concellos

Vilagarcía recibirá 1.482.718 euros; Cambados, 1.053.888 euros; Sanxenxo, 1.277.648 euros; O Grove, 914.380 euros; Vilanova, 873.035 euros; A Illa de Arousa, 497.179 euros; Catoira, 485.531 euros; Meaño 572.413 euros; Meis, 555.998 euros; Pontecesures, 422.734 euros; Ribadumia, 534.684 euros e Valga, 623.623 euros.

Por outra banda, o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas ascende nesta edición a 8 millóns de euros, o dobre que na pasada, aos que poden optar todos os concellos da provincia agás Pontevedra e Vigo, que se rexen por convenios específicos. Esta partida destinarase a construír novas instalacións e espazos públicos de uso deportivo, incluídas as cubertas destes espazos; modernizar, remodelar ou mellorar as instalacións deportivas; dotar de equipamentos ou material deportivo estas instalacións; ou adquirir terreos destinados a uso deportivo.

Neste caso o reparto queda como segue: O Concello da Illa de Arousa pode beneficiarse de 105.686 euros, Cambados de 161.100, Catoira de 95.699, Meaño de 108.091, Meis 104.617, O Grove 143.145, Pontecesures 94.484, Ribadumia 107.656, Sanxenxo 187.362, Valga 110.897, Vilagarcía 312.191 e Vilanova 139.897 euros.