Nova tecnoloxía para o Hospital do Salnés: un equipo de ondas de choque radiais extracorpóreas

La Voz VILAGARCÍA

AROUSA

O ano pasado realizáronse 1.028 tratamentos con esta técnica a 257 pacientes do distrito sanitario da comarca

16 ene 2025 . Actualizado a las 15:02 h.

A área sanitaria vén de incorporar un equipo de ondas de choque radiais extracorpóreas á carteira de servizos asistenciais do Hospital do Salnés. «A dotación deste equipo responde á crecente demanda de tratamentos efectivos e non invasivos para múltiples patoloxías musculoesqueléticas, así coma á vantaxe de evitar desprazamentos dos pacientes do distrito sanitario de O Salnés a outros hospitais, potenciando os recursos e mellorando a calidade de atención no centro sanitario público arousán», segundo informa o Sergas.

Con elo, compleméntase o equipamento destas características que xa prestaba asistencia no servizo de Rehabilitación e Medicina Física no hospital Montecelo do Complexo Hospitalario Universitario pontevedrés. As ondas de choque radiais baséanse nunha tecnoloxía avanzada, cunha técnica derivada das ondas ultrasónicas coñecida como terapia de ondas de choque extracorpórea.

Dita técnica, inicialmente, empregábase en patoloxías de tipo renal, estendéndose posteriormente a outras áreas anatómicas coma a patoloxía biliar, o aparello locomotor, a patoloxía urolóxica e abríndose gradualmente a outras especialidades.

«As indicacións dos tratamentos de ondas de choque céntranse naquelas doenzas que precisan rexeneración de tecidos, principalmente aquelas que cursan con diminución ou alteración da vascularización e tamén as que cursan con formación de depósitos de sales ou cristais minerais nos seus tecidos», segundo as mesmas fontes. Entre outras funcionalidades, o novo equipo de ondas de choque radiais extracorpóreas no Hospital do Salnés trata un amplo abano de tendinopatías crónicas, síndromes da dor, fascites plantares, cicatrizacións óseas, pseudoartroses, patoloxías do pel, etcétera.

 «Cómpre sinalar que durante o pasado ano 2023 realizáronse na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés 1.028 tratamentos con ondas de choque radiais extracorpóreas a 257 pacientes do distrito sanitario do Salnés que, a partires de agora, beneficiaránse das sesións de tratamento no hospital de Rubiáns, reducindo os custos indirectos asociados ao desprazamento de pacientes e as interconsultas hospitalarias.

Segundo sinala a xefa de servizo de Rehabilitación e Medicina Física da Área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés, a doutora María Teresa Jorge Mora, «estudos recentes amosan a eficacia das ondas de choque radiais na aceleración da recuperación e a redución da dor nunha ampla gama de patoloxías. Isto non só mellora os nosos resultados clínicos, senón que tamén pode acurtar o tempo de recuperación e reducir a necesidade de intervencións máis invasivas aos nosos pacientes; a utilización desta tecnoloxía está apoiada por reputadas entidades médicas e considérase un estándar no manexo non cirúrxico de moitas condicións musculoesqueléticas».