O albergue do Carril empezará a funcionar antes do verán tras a inminente firma do convenio coa Xunta

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

O alcalde, Alberto Varela, e o director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, asinarán o convenio de colaboración nos vindeiros días

26 ene 2025 . Actualizado a las 13:28 h.

O albergue de peregrinos do Carril comezará a funcionar antes do verán. Isto será posible despois de que o último trámite que restaba, a exposición pública do convenio entre Concello e Xunta, rematara sen ningún tipo de alegación. Deste xeito, o alcalde, Alberto Varela, e o director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, asinarán o pacto nos vindeiros días. Dende ese momento, o albergue carrilexo pasará a formar parte da Rede Pública de Albergues do Camiño de Santiago. Será tamén entón cando a axencia poida concretar coa empresa a quen ten encomendada a xestión da rede a instalación do mobiliario e demais aparellos e a dotación do persoal, que é a parte que asume o goberno autonómico. O Concello, pola súa banda, aporta o edificio, que supuxo un investimento de 600.000 euros e que agora cede á Xunta por 30 anos.

Tendo en conta a experiencia da empresa e o avanzado dos trámites, é moi probable que a apertura do albergue poida adiantarse sobre o prazo previsto, amplo por prudencia. Todas as licencias que sexan necesarias, formalización do seguro, mantemento e conservación, promoción, ademais da xestión diaria do centro serán de competencia autonómica. Dende o goberno local de Vilagarcía queren recalcar «a boa sintonía que houbo entre o alcalde e a Axencia de Turismo dende que Merelles asumiu a súa dirección, o que permitiu desbloquear unha negociación que se dilatou durante meses por diversas discrepancias». Con todo, o convenio prevé unha comisión de seguimento para analizar e resolver calquera dúbida na execución do pacto.

O albergue, lembra Ravella, é unha peza fundamental na estratexia turística do Concello, que presume de ser verce da Ruta Fluvial Xacobea do Mar de Arousa e Río Ulla. E esta non é unha ruta calquera, senón a primeira, «a orixe de todos os camiños». Aos seus valores e atractivos intrínsecos únese agora a conexión directa con Madrid, «a tres horas e un café», por ferrocarril, polo que as expectativas que se abren son excelentes para dar un novo pulo ao turismo.

O edificio da rúa Santiago do Carril ten unha superficie de 443 metros cadrados e unha capacidade de trinta persoas con todo o necesario para dar o mellor servizo aos peregrinos: recepción, botiquín, zonas de estar, aseos, duchas, taquillas, dormitorios, lavandería, almacén, gardabicis, terrazas e zona verde.