O Piñeiriño oferta un obradoiro gratuíto de guitarra e baixo a partir de oito anos
AROUSA

O músico vilagarcián Pedro Falcón impartirá o curso, este sábado no centro cultural Breogán
14 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A asociación veciñal Breogán, do Piñeiriño, en Vilagarcía, e o músico Pedro Falcón colaboran para desenvolver un novo obradoiro, desta volta centrado na música moderna. En concreto, no manexo da guitarra, tanto eléctrica coma acústica e española, e do baixo. Ideado para participantes a partir dos oito anos de idade, o curso desenvolverase o sábado, 15 de marzo, no centro cultural que o colectivo xestiona no barrio vilagarcián dende as cinco da tarde.
A actividade é completamente gratuíta e non require nin ser socio nin habitar no Piñeiriño. Falcón amosará como se traballa á hora de producir, gravar, ensaiar en grupo, preparar un repertorio e mesmo interactuar cos distintos instrumentistas dun proxecto musical. Ás 17 horas haberá un primeiro grupo de iniciación ao instrumento e a música para quen parta de cero. O segundo dará comezo ás 18 horas e partirá dun nivel básico ou medio. Por fin, o terceiro, orientado xa nun nivel medio, arrincará ás 19.30.
O guitarrista recomenda levar instrumento e amplificador, sempre que os participantes dispoñan deles, para mellor seguir os contidos que se han abordar.
A idea que manexa a asociación é convidar a músicos da escena galega, española e portuguesa para ampliar cada vez máis a temática e os instrumentos dos obradoiros. Conta para este obxectivo, con Pedro Falcón, que vén de lanzar Despois da luz, tema do novo álbum de Os Imperfectos, no que tamén é coprodutor, coautor e arranxista. Unha canle de WhatsApp difunde a información sobre esta serie de obradoiros gratuítos, que contan co patrocinio de Duende Instrumentos Musicais.