O Céltiga aparta a Jardel e a Canhoto, ve marchar a Orlando, e ficha a Jacobo

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

A ILLA DE AROUSA

RAMON LEIRO

A directiva decidirá sobre o futuro dos lusos despois de que non aparecesen a dous adestramentos esta semana. O holandés pedíu a baixa por razóns persoais

22 sep 2018 . Actualizado a las 21:54 h.

O mundo púxose patas arriba no Céltiga na peor semana. Ás portas da visita na tarde de mañá domingo dunha U.D. Ourense invicta e que pode presumir de único equipo galego da Terceira División sen ter encaixado inda gol no primeiro mes de Liga; Manolo Núñez vía o luns abandonar o club a Orlando, unha das súas apostas estranxeiras para dotar de gol o cadro illense, para tres días despois, o xoves, ter que proceder á difícil decisión de apartar do plantel a outros dous xogadores chamados a marcar diferenzas na categoría, Canhoto e Mario Jardel, este último fillo do dianteiro do Porto de comezos deste século. En paralelo, o Céltiga incorporaba a Jacobo Millán, curtido mediocentro vigués de 29 anos formado no Alondras, e con ampla experiencia na Terceira e, en menor medida, na Segunda División B, este verán no balompé australiano.

O vestiario do Salvador Otero comezouse enredar o luns. Ese día, informaba onte o adestrador do Céltiga, Manolo Núñez, «Orlando díxonos que tiña que voltar a Inglaterra por motivos persoais». O club entendeu as súas razóns, e concedeulle a baixa, quedando a dúbida do que lle podería ter proporcionado o dianteiro centro zurdo holandés de 23 anos, fichado este verán polo seu perfil de punta de forza e de potencia, procedente da Segunda División de Xibraltar e cun paso pola canteira do Feyenoord como principal nota no seu currículo. Un edema óseo no seu xeonllo esquerdo a raíz dunha patada o 12 de agosto nun amigable fronte ao Atios mantívoo desde entón parado.

Sen máis detalles

Mario Jardel jr. era o outro dianteiro centro polo que apostara Manolo Núñez para asegurarlle ao Céltiga o gol que tanto lle faltara a tempada anterior, e que a piques estivo de condenar o cadro illense á Preferente. O técnico ourensán desvelou que «Mario Jardel e Canhoto están apartados do equipo, e valoraráse se continuarán ou non» ligados á disciplina do club. Algo que, adiantan desde a directiva do Salvador Otero sen querer afondar na cuestión de momento, decidirán os seus membros na súa xuntanza semanal o vindeiro luns. Preguntado pola razón de tan dura medida disciplinaria, Núñez contou que os dous futbolistas lusos «faltaron esta semana a dous adestramentos, o mércores e o xoves» sen unha aparente explicación que convencera a un técnico que non quixo entrar en máis detalles, trasladándolle o acontecido á directiva o mesmo xoves.

Primeiro mal trago en 30 anos

Núñez eludíu falar de cal foi a suá recomendación á directiva sobre ambos casos, pero a cousa pinta mal para Mario Jardel e para Canhoto cando o seu inda adestrador conta que «nunca tivera que apartar a un futbolista da disciplina dun dos meus equipos» nos seus xa máis de 30 anos nos banquiños do fútbol modesto.

Mentres Canhoto, debutante no fútbol galego a tempada pasada no finalmente descendido Cultural Areas, estaba a ser un fixo no once de Núñez, no que viña ocupando a mediapunta, Mario Jardel jr. corre o risco de seguir os pasos de Orlando, e deixar A Illa sen ter debutado. No caso do fillo da exfigura do Porto, inédito pola distensión do ligamento externo do seu xeonllo dereito que sufría o 5 de agosto nun encontro de preparación fronte ao Unión Grove. O adestrador do Céltiga agarda desde entón por o momento no que Jardel se atope en disposición de empezar a axudar o seu plantel.

En cadro, o plantel non contará co exPontevedra, chegado de Australia, fronte ao Ourense

A fichaxe de Jacobo Millán, que o luns se incorporaba aos adestramentos do que xa é o quinto equipo galego da súa carreira sénior, foi a única nota positiva dunha semana nefasta para os intereses do Céltiga. Unha nota positiva máis no anímico ca, de momento, no efectivo. E é que Jacobo deberá agardar alomenos ata a vindeira xornada para poder sumar en Liga, ao non ter recibido o tránsfer internacional despois do seu breve paso este verán polo balompé australiano nas filas do Richmon de Melbourne, un equipo este, sinalaba onte Manolo Núñez, nunha categoría dun nivel parecido á Preferente.

Formado na canteira do Alondras, club no que militou nas súas cinco primeiras campañas como futbolista sénior, Jacobo Millán cambiou Cangas por Pasarón na tempada 2012/13, asinando no Pontevedra en Terceira o seu mellor exercicio a nivel individual, con 2.922 minutos e unha ducia de goles na Liga. O Compostela, tres anos máis no Pontevedra, e o Somozas a tempada pasada ?2.200 minutos, 4 tantos-, completan a currículo dun home do que Manolo Núñez agarda «sobre todo calidade, e criterio no centro do campo», no que está chamado a formar unha dupla de primerísimo nivel con Pablo Pillado.

Só 12 homes a plena disposición

Con todo, o vilagarcián deberá agardar, e onte o seu técnico descoñecía con quen o emparellará no dobre pivote do seu 4-2-3-1 ante unha U.D. Ourense que chegará mañá ao Salvador Otero como único equipo sen recibir gol no grupo galego da Terceira, e cun dos máis potentes planteis da Liga. Un dos peores rivais a día de hoxe para un Céltiga que onte iniciaba o seu derradeiro adestramento da semana con só trece homes con ficha de Terceira a disposición do adestrador ourensán. Xa sen Orlando, con Canhoto e con Mario Jardel apartados, sen o tránsfer de Jacobo, con Jimmy e con Emilio sancionados, Juanín lesionado, e por enriba, co porteiro titular, Marcos, ausente con permiso do club por motivos persoais. E iso contando cun Diego Lamas para non máis dun cuarto de hora de xogo por mor dun problema nun aductor.