Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

A Policía Local da Illa incorpora un inmobilizador electrónico que funcionará como alternativa ás armas de fogo

La Voz A ILLA

A ILLA DE AROUSA

Convértese na primeira policía da bisbarra en dispoñer deste equipamento

03 nov 2022 . Actualizado a las 21:10 h.

Os axentes da Policía Local de A Illa incorporan ao seu equipamento un dispositivo electrónico de control que ten un obxectivo principalmente disuasorio e será empregado como alternativa ás armas de fogo en situacións extremas nas que exista perigo para terceiras persoas ou para os propios axentes.

Así o explica o concelleiro de Seguridade Cidadá, Luis Arosa, que decidiu adquirir esta nova arma non letal para complementar o equipamento da policía local, converténdoa na primeira da comarca arousá en contar con este tipo de dispositivos despois de que dous dos axentes realizaran os pertinentes cursos formativos na Academia Galega de Seguridade Pública de A Estrada.

«Trátase dun dispositivo alternativo coa función principal de disuadir ameazas e rebaixar a tensión en situacións límite. O ideal será non ten que usala nunca (...) no 90 % dos casos non se chega a disparar», segundo apunta Luis Arosa. Situacións de violencia de xénero ou de alteración da orde pública son escenarios nos que a nova pistola dará maior seguridade ao facilitar o control do presunto agresor sen riscos para ningún dos implicados.

O edil de Seguridade indica que con estas novas ferramentas o goberno local da Illa continua na mellora e modernización dos medios da policía local, dotándoos de novos medios que garantan a protección da cidadanía e dos propios axentes.

O dispositivo electrónico súmase aos chalecos antibalas e anticorte, ao dispositivo para control de alcolemía e drogas ou o novo coche patrulla, o primeiro híbrido do parque móbil municipal equipado cunha ponte de luces, cartel abatible, mampara de detidos, desfibrilador incorporado e un caixón traseiro con espazos para etilómetros e test de drogas, ademais dunha impresora e un ordenador que permite aos axentes realizar calquera atestado desde o mesmo lugar dos feitos.