Secundino Abal será enterrado este sábado (11.30 horas) en Vilariño, Cambados
23 nov 2018 . Actualizado a las 22:04 h.Foise un dos referentes da música tradicional en Galicia. Secundino Abal González pasou boa parte de súa vida pegado á gaita, un instrumento que aprendeu a tocar xunto co seu tío José González Padín e que xa non abandonou, ata que hai uns anos a enfermidade apartouno do camiño. Porque Secundino andou moitos quilómetros a conta das alboradas e procesións que percorreu en canta festa había no Salnés, e fora da comarca tamén. Nos anos cincuenta, en Aires de Vilariño con Alfredo Rey, e a principios dos sesenta, cos Carballeiras, que xa non abandonaría ata a vellez. Durante medio século foi o grupo de cabeceira da Festa do Albariño e do San Bieito de Cambados e tocou con outros clásicos: Os danzantes de Cobas. As gaitas, o bombo e a caixa dos Carballeiras soaron, tamén, na festa do Carme do Grove, no entroido de Hío, en Ponteareas e ata cruzaron o mar para actuar na illa de Ons.
Contaba Secundino que nunha destas travesías, o bombeiro de Pallamallada caeu o mar, e foi grazas ao bombo que levaba amarrado ao pescozo como puido saír a flote, porque o home non sabía nadar. Eran os tempos nos que os músicos durmían en piornos e alpendres e nos que a xente saía á porta para recibilos en canto oían ao lonxe os acordes da muiñeira.
Abal foi protagonista e espectador da expansión que viviu a música tradicional no país, fenómeno no que tamén tomou parte de xeito moi activo. Creou escola, e non só en sentido figurado. Nos anos setenta, animado polo mestre Ramón Barral, empeza a ensinar gaita no colexio de Barrantes, e xa non parou. Arrincou cunha ducia de rapaces e acabaron pasando polas súas clases 140, dando lugar á formación dunha banda. A partir de aí virían outras escolas: no Grove, en Vilanova, na súa parroquia Vilariño, en Paradela (Meis), en Ribadumia, en Solobeira (Vilagarcía)...
«Vaise correndo a voz de que Secundino é un home paciente e que se leva moi ben cos rapaces, fuxindo desa imaxe ruda e ás veces malencarada que os gaiteiros vellos tiñan á hora de ensinar a súa arte», lembraba hai uns anos o tamén gaiteiro cambadés, Xaquín Xesteira, a conta dunha das homenaxes que recibiu o finado. No 2010 foi no seu Cambados, o ano anterior o recoñecemento chegoulle en Coruxo. Hoxe, Xesteira lembraba ao mestre como unha figura «crucial no mundo da gaita nos anos oitenta, por ser quen de levar á gaita aos nenos». Mañá sábado, Secundino Abal recibirá sepultura (11.30 horas) no cemiterio parroquial de Vilariño (Cambados).