As pandereteiras belgas de Ialma actuarán en Cambados o 14 de maio

La Voz CAMBADOS / LA VOZ

CAMBADOS

CEDIDAS

Será no auditorio con entrada de balde dentro da programación das Letras Galegas, na que non faltará o concerto da Banda de Castrelo

29 abr 2023 . Actualizado a las 17:35 h.

O grupo de pandeireteiras belgas fillas de emigrantes galegos Ialma realiza unha xira por Galicia dende o 13 ao 17 de maio sendo Cambados unha das súas paradas. O concerto na vila do albariño será o día 14 de maio, ás 21 horas, no auditorio da Xuventude, con entrada de balde ata completar o aforo.

Co seu espectáculo Ialma canta a Rosalía, Verónica Codesal, Natalia Codesal, Eva Fernández e Marisol Palomo contan a súa historia, que é a de tantos emigrantes. «O noso proxecto é, coma o de Rosalía, un horizonte de esperanza. Amamos a vida, a música, a poesía, a danza, a xente. Ialma é dignidade, liberdade e alegría de vivir». Así definen as artistas este espectáculo, co que chegarán, tamén, a Ferrol e Salvaterra do Miño.

A actuación de Ialma será o prato forte do programa das Letras Galegas deseñado pola concellería de Cultura. Outras actividades son a tradicional exposición de murais no paseo da Calzada, feitos polos colexios e institutos, que este ano xirarán en torno á figura do autor homenaxeado: Francisco Fernández del Riego.

O venres 12 de maio, ás 10.30 horas, terá lugar a lectura de Fernández del Riego por parte do alumnado seguido da actuación da Asociación Cultural BoudeBou no paseo da Calzada.

O mércores 17 de maio, o propio Día das Letras, ao mediodía terá lugar a ofrenda floral no monumento a Ramón Cabanillas da Calzada seguido do concerto da Banda de Música de Castrelo no parque de Torrado (en caso de choiva trasladarase ao auditorio da Xuventude).