No centenario da escola do pósito

Antonio Magariños Compaired

CAMBADOS

Alumnos da escola do pósito co mestre Antonio Magariños (1924)
Alumnos da escola do pósito co mestre Antonio Magariños (1924)

En 1967 integrouse no grupo escolar Antonio Magariños Pastoriza

15 sep 2024 . Actualizado a las 12:43 h.

Cen anos son poucos na historia dun pobo como Cambados, pero son suficientes para que moitos dos cambadeses de hoxe non saiban que na confraría, que daquela chamábase pósito, houbo durante cincuenta anos unha escola para fillos dos mariñeiros. Eran escolas de ensino primario que impartían o mesmo programa das escolas nacionais, complementado con materias relacionadas co mar e a pesca.

Ata o ano 1927 foron escolas privadas, dependentes de cada pósito, pero coordinadas dende a Caixa Central do Crédito Marítimo (CCCM), despois Instituto Social da Mariña (ISM), e a partir dese ano conseguiron nacionalizarse, segundo a terminoloxía utilizada naquel tempo. É dicir, pasaron a depender do Ministerio de Mariña ao de Instrución Pública co nome de Escuelas de Orientación Marítimo Pesquera.

Chegaron a ser 150 os pósitos que tiñan sección cultural, responsable da escola e doutras actividades relacionadas, como as bibliotecas, os museos pedagóxicos, os intercambios escolares de alumnos e mestres para coñecer outros pósitos, e mesmo recreativas. Non faltaron as clases de adultos para alfabetización e para preparar exames de títulos de navegación e pesca, ou proxectos de promoción de alumnos destacados para ampliar estudos.

Mención especial debe facerse dunha experiencia acorde coa doutrina pedagóxica da escola activa, como foi a organización de pósitos infantís que, coa dirección dun titor, agrupaba aos nenos socios, que elixían entre eles os cargos directivos e organizaban actividades como as dos pósitos dos maiores.

No caso de Cambados deben de destacarse un par de experiencias senlleiras: a utilización de audicións radiofónicas na escola e un convenio co empresario do Cine Novedades, Sr. Mouriño, para que cinco nenos foran premiados a ir gratis ao cine os xoves. Dende o principio foi moi rigorosa a selección do profesorado, especialmente despois da nacionalización de 1927. Tiñan que pertencer ao Corpo do Maxisterio Nacional e superar un curso selectivo e de formación especial en asuntos marítimo-pesqueiros. Os mestres asumían ademais case sempre outras responsabilidades de apoio e asesoría na xestión dos pósitos. Estas escolas funcionaron ata 1936 coma unha rede de centros dirixida dende a CCCM/ISM, que financiaba e coordinaba obxectivos e divulgaba experiencias locais a través dunha revista mensual, España Marítima. Tamén editaba libros de texto para as materias técnicas.

En setembro de 1936 o pósito foi suprimido e os nenos e o mestre trasladados á Escola do Convento, pero por pouco tempo. En outubro regresaron nenos e mestre ao pósito suprimido, que volveu a funcionar. En 1942 os pósitos pasaron a chamarse confrarías baixo a órbita da nova Organización Sindical e as súas escolas continuaron co ensino primario elemental, pero cunha atención ás materias de mar e pesca segundo o criterio e posibilidade de cada mestre. Deixou de haber coordinación dende arriba e intercambios de información.

En Cambados, en 1967 a escola do pósito integrouse no inaugurado Grupo escolar Antonio Magariños Pastoriza e, tras un período breve como escola nacional dependente da confraría entre 1969 e 1972, neste derradeiro ano se reintegrou xa definitivamente no Magariños. Hoxe hai cen anos que o domingo 15 de setembro de 1924 inaugurábase en Cambados a «escola do pósito», nome co que foi coñecida e chamada sempre.