As novas normas de carga e descarga en Fefiñáns entrarán en vigor antes de acabar o ano

La Voz CAMBADOS / LA VOZ

CAMBADOS

MARTINA MISER

Quedará habilitada na rúa Fonte de Fefiñáns unha «Parada Express» para aparcar durante 15 minutos

28 nov 2024 . Actualizado a las 16:07 h.

O concelleiro de Ordenación do Tráfico de Cambados, José Ramón Abal, vén de facer público o borrador dun bando no que o Concello informará sobre as novas normas para regular a carga e descarga en Fefiñáns, medidas que prevé entren en vigor antes de rematar o ano.

Os titulares dos establecementos comerciais situados nas prazas de Fefiñáns, Rodas e Asorey e as rúas Real e Príncipe, así como os profesionais de reparto de pan, poderán acceder ao seu interior para realizar carga e descarga en horario de 8 a 10 horas de luns a sábado.

A carga e descarga no punto habilitado na avenida de Madrid será de 9 a 13 horas e de 16 a 18 horas, de luns a sábado, por un máximo de 30 minutos. Excepcionalmente poderá autorizarse mediante solicitude previa a realización destas actuacións fóra das horas sinaladas. Tamén, en función do tipo de establecemento e mercadorías, poderanse habilitar autorizacións especiais para a realización de servizos a domicilio dende establecementos comerciais situados no eido do conxunto histórico de Fefiñáns que non terán as limitacións establecidas para a carga e descarga, segundo recolle o bando.  Quedan fora das limitacións anteriores tanto os servizos públicos como as emerxencias. Tampouco terán limitación horaria os servizos particulares de residentes tales como o transporte de mercadorías non susceptibles de ser levados manualmente e o transporte de persoas con dificultades de mobilidade. En todo caso terán unha duración máxima de 10 minutos.

Queda habilitada na rúa Fonte de Fefiñáns unha zona de carga e descarga denominada «Parada Express», formada por tres prazas nas que só se vai a poder estacionar un máximo de 15 minutos de 10 a 20 horas de luns a sábado, «e que vai dirixida a todos aqueles usuarios que non están comprendidos nas cargas e descargas convencionais». «O obxeto deste punto é que os usuarios de farmacia e clientes dos establecementos comerciais dispoñan dun espazo para efectuar operacións rápidas de carga e descarga», conclúe o bando.