Con todo, Samuel Lago e Tino Cordal móstranse dispostos a reunirse na comisión de seguemento do pacto, como pide o BNG
11 dic 2024 . Actualizado a las 15:48 h.Nin descoordinación nin improvisación. PSOE e Somos Cambados non están dacordo coa análise feita onte polo BNG en rolda de prensa á hora de valorar o funcionamento do goberno local. Os nacionalistas consideran que a falta de cohesión interna acadou tal nivel que faise necesario convocar a comisión de seguimento do pacto para tratar de reconducir a situación. Polo PSOE e BNG non hai inconveniente en reunirse; José Ramón Abal de Cambados Pode non se pronuncia ao respecto, nin sobre esta cuestión nin sobre calquera outra relacionada co funcionamento da coalición.
O alcalde, Samuel Lago, amósase parco en palabras á hora de valorar o tema. Limítase a dicir que non comparte o dito polo Bloque e que si está disposto a sentarse con eles para falar do asunto. As declaracións do voceiro de Somos Cambados, Tino Cordal, van pola mesma liña, pero el permítese criticar ao seu socio para reprocharlle que airearan nunha rolda de prensa problemas que, ao seu xuízo, non deberan saír do casa do concello.
«Creo que entre nós hai boa relación, en concreto entre Liso máis eu, por levar áreas afíns (Cultura e Festexos)». Tamén anuncia a súa dispoñibilidade a reunir á comisión do pacto, «aínda que non penso que a situación sexa tan dramática e urxente», engadiu ante a petición do BNG para que a comisión se celebre antes de rematar o ano.
En canto ao acontecido coa moción sobre o asilo que se levou ao pleno do pasado mércores, Tino Cordal ofrece unha versión diferente ao Bloque Nacionalista Galego. Mentres que estes últimos falan dun acordo «clandestino» adoptado polo seus socios ao rematar a Xunta Local de Goberno aproveitando que xa marchara Liso González, o voceiro de Somos atribúeo todo a un «despiste» e nega mala fe na decisión de incluír no texto da moción que o Concello se comprometía a colaborar economicamente na compra do pazo de Montesacro. «Ademais, iso xa se dixera outras veces, o cal non quere dicir que o Concello teña capacidade económica e as competencias para mercar o asilo», argumenta Cordal.
Para o BNG este discurso é unha incoherencia e sostén que, en ningún caso, apoiaría unha proposta nestes termos. No pleno do mércores ausentouse do pleno e non votou.