O PP de Cambados denuncia a «parálise» na que se atopa o departamento de Urbanismo
CAMBADOS
Presenta unha moción ao pleno do xoves solicitando a contratación dun arquitecto técnico
25 ene 2025 . Actualizado a las 19:37 h.No pleno de vindeiro xoves en Cambados falarase de urbanismo. Será a conta dunha moción do Partido Popular na que denuncia a «parálise» na que se atopa o departamento de Urbanismo debido á falta de persoal e pide que se adopte un acordo que implique a contratación dun arquitecto técnico.
O PP sostén que os veciños están a sufrir «retrasos e deficiencias» á hora de acometer obras menores, rehabilitacións ou realizar tramitacións urbanísticas. «O Concello de Cambados leva nesta situación máis dun ano, co conseguinte prexuízo para os veciños, que xa nos trasladaron o seu malestar por estes feitos, polo que con esta proposta pretendemos que se suplan as prazas vacantes de carácter técnico para reactivar este departamento municipal e prestar un servizo axeitado nun sector de gran importancia tanto económica como no eido da confortabilidade de vivendas e negocios», indica a moción do PP.
«Cómpre lembrar que o Concello de Cambados contaba cunha arquitecta técnica de carácter interino, pero esa persoa colleu unha baixa á que non se lle dou cobertura deixando o departamento baixo mínimos e, posteriormente, aprobou unha praza en propiedade na Xunta de Galicia e tomou posesión da mesma», segundo explica o grupo da oposición.
«Como consecuencia desta situación, o departamento de Urbanismo quedouse cun só técnico durante moitos meses e o propio goberno local foi consciente da problemática que xeraba esta situación, cunha parálise importante, e procedeu á apertura dun procedemento de cobertura da praza de arquitecto técnico en propiedade. Houbo varias persoas interesadas, que incluso pagaron as correspondentes taxas para participar nesta convocatoria, pero a mesma quedou paralizada, sen motivo aparente, o pasado mes de agosto».
«A figura do arquitecto técnico é de especial relevancia posto que é quen informa das comunicacións previas de obras menores, outorga as licencias de obras menores ante Patrimonio, realizar certa tipoloxía de certificacións e presta outras cuestións urbanísticas diversas. No caso das comunicacións previas, os veciños poden acometer as obras solicitadas se, no prazo de 15 días, hai silencio administrativo por parte do Concello, que é o que está a suceder no último ano, pero, dado que ningún exerce a oportuna labor de vixilancia, poderían acometer actuacións que non se axusten á legalidade urbanística co correspondente prexuízo para todo o municipio. Pero a situación é máis grave naquelas licencias menores de Patrimonio, xa que, cando chega o informe favorable deste departamento da Xunta, os proxectos quedan paralizados pola ausencia do técnico que, neste caso si, debe conceder o correspondente permiso».
Actualmente só hai un arquitecto que se encarga de xestións urxentes que, segundo o PP, resulta insuficiente para atender as necesidades dunha poboación coma a de Cambados, de xeito que propón ao goberno que retome, á maior brevidade posible, o proceso público para a incorporación dun arquitecto técnico con praza en propiedade «que permita atender axeitadamente aos veciños e sacar da parálise ao departamento de Urbanismo».