Mónica Touriño gaña a súa sexta Copa de España e apunta ao póker no canicrós galego e estatal

CATOIRA

OSCAR VÍFER

A catoirense ampliou o seu pleno en La Pobla de Cérvoles e agora persegue rematar a faena na Liga Autonómica sobre Terra

07 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai varios anos xa do ascenso de Mónica Touriño á condición de mellor canicróser sobre terra da historia en España. Amarrar o seu sexto título na Copa de España o pasado domingo non fai máis que engordar unha lenda que en cuestión dun mes podería enriquecer con dous novos fitos: completar un póker único no canicrós sobre terra reunindo na mesma tempada os trofeos de campioa dos campionatos de Galicia e de España, nas súas vitrinas desde o pasado mes de decembro, da Copa estatal e da Liga autonómica; e facelo tendo gañado todas e cada unha das probas de cadanseu calendario.

Touriño facíase a pasada fin de semana co triunfo en La Pobla de Cérvoles, a cuarta das cinco probas puntuables da Copa de España de Mushing sobre Terra. Sen o seu compañeiro cánido habitual, Nepal, que quedaba en Catoira cunha pequena ferida. A deportista vikinga correu con Siddharta, outro dos seus cans, pero co que nunca competira, ao ser a parella habitual do outro referente do Kennel Den, o vigués Óscar Piñeiro. Este último, terceiro en canicrós con Thai en La Pobla de Cérvoles, e pendente de refrendar o seu primeiro posto na clasificación na derradeira carreira do calendario da Copa, os días 17 e 18 en Villamanta, Madrid.

«Cada vez o teño máis difícil, porque cada vez hai máis nivel, téñome que poñer un pouquiño máis as pilas», comentaba onte unha satisfeita Mónica Touriño. Con máis de catro minutos de vantaxe sobre a segunda clasificada, a catoirense explica que o primeiro día Siddharta «estrañábase de que non fora tan rápido coma Óscar, e miraba moito para min. O segundo día gocei máis. As dúas xornadas fixen medias semellantes, pero na segunda sentínme moito mellor, en maior sintonía co meu compañeiro». E iso, gozar, é outro dos retos de Touriño en cada carreira.