«De non ser polo Concello nin habería polígono nin falariamos do balneario»

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo CATOIRA / LA VOZ

CATOIRA

MARTINA MISER

O máis veterán rexedor de Arousa arrincou a semana estreando novo despacho a 15 meses das novas eleccións

04 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Recíbenos no seu novo, amplo el luminoso despacho no multiusos de Catoira. Seis anos e medio despois da inauguración da sala de exposicións, á espera de decidir que facer coa terceira pranta do edificio, a posta en marcha do multiusos pechou o seu círculo o luns coa apertura do novo consistorio. A Alberto García, o alcalde con máis mili no cargo no sur de Arousa, os 15 metros cadrados de espazo de traballo gañados non fan máis que recordarlle a súa máxima: «O importante nun político é estar sempre maquinando novas ideas, non quedar quieto». E polo que di, aspira a seguir facéndoo tras as eleccións do vindeiro ano.

-E sete anos despois, o multiusos é a casa de todos os catoirenses...

-A casa de todos os catoirenses xa era. Coa posta en funcionamento por fases desde o 2011, primeiro da sala de exposicións, e logo da biblioteca, do auditorio, do Centro Municipal do Maior; e do salón polivalente para 500 persoas, que ten un uso moi importante para actos dos veciños como comuñóns, vodas, comidas de asociacións... ou do propio Concello. Entendemos que para os veciños era máis necesario abrir os outros servizos antes co consistorio.

-Hai quen ve o edificio un dispendio para un Concello tal Catoira...

-Pois que llelo pregunten aos cidadáns. Pola cantidade de persoas e de actividades que pasan polo edificio, xa empeza a quedar curto. E deixamos de alugar outros locais que pagaba o Concello.

-O polígono de Catoira, relativamente recente, está baleiro. O concello ten acceso á autoestrada e unha estación de tren. ¿Qué acontece para que Catoira non sexa de interese a nivel industrial?

-Seguimos sendo de interese industrial, ao estar nun cruce de camiños. Pero a crise non só afectou a Catoira, senón a toda Europa. Catoira ten un polígono, froito dunha xestión municipal. Todas as parcelas estaban solicitadas, pero coa crise os interesados deixaron de estalo. Pero o polígono está aí. Ogallá algún concello limítrofe puidera ter un polígono. Cando a crise, que inda que din que xa acabou, non acabou, pase, aí hai un polígono para montar empresas.

-Nos últimos anos apostou polo turismo coma nova fonte económica local, a través da conexión vikinga, e do termalismo. ¿Cal é o impacto vikingo na economía de Catoira máis aló da Romaría?

-Non hai máis ca ir ás Torres un día, e ver a cantidade de xente que vai. Iso inflúe nos restaurantes, nos bares... Aquí celebráronse congresos vikingos. Temos unha base internacional. Galicia é coñecida nalgúns sitios grazas a Catoira. Somos o único municipio de España parte do Itinerario Cultural dos Vikingos, o segundo camiño europeo en importancia tras o de Santiago. Desenvolvemos un programa de Europa Creativa, con actividades en 17 países. E abriremos, senón este ano, a principios do 2019, o Centro de Activación Cultural das Torres para darlle á xente outro aliciente, e que os escolares veñan coñecer a nosa historia a través de vestixios castrexos, romanos e medievais.

-Desde o 2016 teñen permiso da Xunta para aproveitar as augas termais das Lombas, pero ata hoxe non existe ningún proxecto de explotación. ¿Cómo está o tema?

-É igual có do polígono. Non falariamos do balneario se o Concello non tomara a iniciativa. Primeiro, falamos cos donos da antiga casa de baños para tratar de mercala. Non se chegou a acordo, pero ademais a auga non servía; está contaminada, e cae en cantidades mínimas. Durante máis de dez anos o Concello estivo traballando con empresas do sector e con xeólogos para localizar a bolsa principal de augas minerais. E ao final localizouse nun terreo municipal. Localizouse por, diriamos, teimosía miña. E hai aí auga a que queiramos. Despois conseguíuse a concesión do aproveitamento para o Concello. En Pontevedra todos os balnearios son de particulares. Aquí o Concello ten a propiedade do terreo, e a concesión da auga. Temos un ben patrimonial. As augas da casa de baños eran mineiro medicinais. E hoxe temos auga mineral medicinal termal. Formamos parte da Federación Española de Villas Termales. Estamos acudindo a todas as feiras relacionadas para buscar no sector interesados na explotación das augas, coas condicións que o Concello poña, porque un Concello non se debe dedicar a explotar augas.

«Buscamos no sector interesados en facer un hotel-balneario de cen habitacións»

«Non defraudarei á xente que me di pola rúa que me presente outra vez á alcaldía»

-O vindeiro ano soprará 30 velas na alcaldía de Catoira. ¿Chegará Alberto García aos 34 co bastón de mando vikingo na man?

-¿Aos 34 anos? [Risa] Ben, depende. A min nunca me gusta adiantarme aos acontecementos, poñer o carro antes dos bois. O equipo de goberno fixo unha xestión moi importante, que eu encabezo, que os veciños creo que valoran. E os militantes, e eu como secretario xeral da agrupación local, valoraremos no seu momento a candidatura que se presente. A xente pola rúa ve que vai haber elccións, e estáme dicindo ‘¡Oe!, non te vaias, preséntate’; xente da rúa e do partido.

-¿E que lles contesta?

-Eu dígolles que valorarei o tema, e que non defraudarei aos que me din que me presente.

-Entendo entón que non se pon data de caducidade na política…

-Non... Mira. Eu non me poño caducidade. Levo no Partido Socialista desde o ano 75, e na UXT de antes. Nos partidos, no meu partido tamén, hai moitos escaladores, que viven ás veces do aparato. Son como unhas samesugas. Eu nunca vivín do aparato, vivín de me presentar ás eleccións, e de, diriamos, cada catro anos aprobar unha reválida; e a min aprobáronmas os veciños. Por iso sempre me dediquei ao 100 % a nivel local, nunca quixen ter un cargo que non fora a nivel local.

-Vinte nove anos despois, ¿é a Catoira do 2018 a Catoira que soñou contribuír a construír cando asumíu a alcaldía en 1989?

-Si. Si, si. Cando en Catoira entramos no 79 no Concello, Andrés Castaño como alcalde e eu coma tenente de alcalde, non había nin luces, non había camiños... En Catoira non había absolutamente nada. A recollida de lixo, o sumidoiro; o edificio de piragüismo, o paseo marítimo, a praia, as catro casas de cultura nas parroquias... Todo iso foi pouco a pouco facéndose, e facendo de Catoira xa un pobo con certa entidade urbana, cando era unha simple aldea.

-Haberá quen diga que tivo tempo de abondo para desenvolver o seu proxecto municipal. ¿Que lle resta por facer que o motive a seguir a lo menos 4 anos máis?

-Quédanme dúas cousas por desenvolver. Construímos o polígono industrial; temos que enchelo de empresas. E conseguimos valorizar as augas medicinais termais; son municipais, non están en mans particulares, como os demais balnearios da provincia. Queremos un hotel-balneario de cen habitacións que lle dea a Catoira unha nova actividade económica que redunde nun maior asentamento poboacional.

«Eu creo que nesta lexislatura o PXOM estará aprobado»

-No seu último orzamento priorizaron o PXOM. ¿Quédalle moito tras máis dun lustro de traballo?

-Pois debido a que a empresa que o estaba a redactar tivo un problema, retrasouse un pouco. Por iso, e polo departamento de Patrimonio da Xunta, que retrasa os PXOM de toda Galicia. E grazas que nós posuímos unhas normas subsidiarias locais, antigas, pero as temos. Outros concellos non teñen nin iso. A empresa que tiñamos renunciou a seguir, e contratamos outra firma, que está a axilizar moito o que falta. Eu creo que nesta lexislatura o PXOM estará aprobado.

-Unha das maiores críticas da oposición á súa xestión é o estado das contas municipais. Son habituais as solicitudes de préstamos do Concello de Catoira á caixa de adiantos da Deputación. ¿Cal é o estado financieiro municipal?

-É como o da maioría dos concellos. Aos da oposición, non ós do PP, que ten unha concelleira só, cando os escoito parece que fale Montoro, que non lles deixa gastar diñeiro aos concellos con superávit. Catoira non lle debe nada á Seguridade Social, nin a Facenda... a ningunha institución, como si outros concellos de moi preto. Os da oposición deben querer que en Catoira non se faga nada. Catoira leva uns dez anos cos impostos conxelados. Tentamos aproveitar todo o demais que nos favorece, como os anticipos da Deputación, para atender os pagos que hai que atender. E este ano o orzamento vai cun superávit de 20.000 euros.