O PP reclámalle ao goberno de Castaño que «se centre» en dotar de saneamento a todo o rural
CATOIRA
O grupo municipal do PP de Catoira vén de reclamar ao goberno que encabeza o nacionalista Xoán Castaño que «centre os seus esforzos en materia medioambiental e de xestión de verteduras no deseño e execución das obras de saneamento que faltan nas parroquias para completar este servizo e deixe de facer de intermediario das empresas xestoras que se dedican ao baleirado de fosas sépticas e pozos negros». A voceira popular, Estefanía Frieiro, cualifica de «inservible» que o Concello anuncie a municipalización deste servizo «cando en realidade o único que fai é limitarse a informar publicamente do número de teléfono de contacto da empresa xestora, xa que non existe ningún beneficio para os veciños, posto que pagan o mesmo prezo que antes no sector privado».
«Para os catoirenses que carecen de servizo municipal de sumidoiro non hai ningunha vantaxe, e incluso non estaría mal que o Concello asumise unha parte do custe do baleirado, posto que é responsabilidade da administración local que esas vivendas carezan de saneamento», sinala Frieiro.
A edil do PP considera que este anuncio do alcalde, Xoán Castaño, sobre o impulso dun novo servizo municipal non é máis que «unha absoluta venda de fume». Estefanía Frieiro reiteroulle ao rexedor e ao goberno do BNG que «deben centrar os seus esforzos en axilizar a auditoría da rede de saneamento anunciada o pasado mes de agosto e, sobre todo e máis importante, conseguir o
financiamento necesario para dotar de sumidoiros ao cento de vivendas de Catoira que aínda carecen deles».