A presidenta resiliente do balonmán galego

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

MEAÑO

MONICA IRAGO

Lobato sumouse a botar unha man nun club a piques da disolución e sorteou canto atranco atopou

24 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Silvia Lobato Limeres (Meaño, 7 de Novembro de 1978) nunca colleu unha pelota de balonmán para correr con ela cara unha portería. De feito, nunca practicou un deporte. O dato por si só non resultaría estraño. O que o fai peculiar é acompañalo no currículo da presidenta do Asmubal Meaño, que encadea a metade dos seus dez anos de directiva á fronte dun club modesto que, con moito esforzo e grandes dificultades, comeza a asentarse coma un dos referentes do balonmán feminino galego.

Os atrancos superados resultan en máis dun caso a mellor guía para comprender de que pasta está feita unha persoa. E se algo define a traxectoria deportiva de Silvia Lobato é o seu saber estar nas duras xunto á súa capacidade de resiliencia no momento posiblemente máis duro nos 35 anos de historia da entidade que encabeza.

A súa relación co balonmán comezou no 2012. Con 11 anos, a súa filla Andrea quixo enrolarse no Asmubal para seguir o camiño das súas amigas. A temporada xa estaba avanzada e, sen apenas tempo de situarse, a finais desa mesma campaña tocou experimentar a primeira labazada. «Comecei a ver cousas raras», di Silvia: «Nos partidos non aparecía ninguén do club no pavillón, e entre varios pais tiñamos que xuntar os 18 euros para pagarlles aos árbitros, que daquela inda cobraban en man. E a dúas semanas de rematar o curso, enterámonos de que a directiva se desfacía».

Unha ducia de pais conxurouse entón para evitar a desaparición do club. «Era unha pena que despois de tantos anos desaparecera, sobre todo polos nenos», comenta Silvia. E así foi como se enrolou, como tesoureira, nunha xunta xestora con José Aspérez á cabeza.

Cun equipo sénior masculino e 17 nenos e nenas repartidos entre tres equipos arrincaron ousados a súa aventura na temporada 2012/13. Dous anos máis tarde un talentoso grupo de rapazas, entre elas Andrea, a filla de Silvia, clasificábase para levar por vez primeira o nome do Asmubal ao Campionato de España Cadete. Un fito que lle deu o impulso definitivo ao novo proxecto, pasando de 45 a 70 licenzas nun ano, coa presidenta dándolle inda hoxe as grazas a Víctor Garrido polo seu traballo de sementado na canteira.

Lobato viviu o relevo de Aspérez por José Veloso na presidencia e foi parte importante na decisión de aceptar a primeira invitación por parte da Real Federación Española de Balonmano para ocupar unha praza na Liga 2017/18 da División Honor Plata Femenina, daquela a segunda categoría nacional. Ao final desa campaña, probou o sabor agridoce do descenso exprés á par da segunda pica en Flandes da xeración de ouro da canteira do club, que xogaba o Campionato de España Xuvenil Feminino cun bo número das súas integrantes compaxinando a base xa co primeiro equipo; e entre elas, de novo Andrea. Nesas foi cando unha oferta de traballo obrigou a Veloso a deixar a presidencia, e a Silvia a dar o paso adiante definitivo.

Montaña rusa de fitos e feitos

O primeiro ano gozou da satisfacción de ver o club no seu maior momento de esplendor, con 139 licenzas. Á campaña seguinte foi a do regreso, de novo por invitación, á División Honra Prata Feminina, co sen sabor de rematar caendo como un dos terceiros peores clasificados logo dunha brillante segunda volta con Juan Manuel Costas á fronte do equipo. E na 2020/21, a que debería ter sido a longa celebración doutro novo fito na historia do modesto Asmubal Meaño rematou levando ao club a unha nova situación límite e á súa presidenta, a una preocupante crise que traspasou o deportivo para golpeala no persoal. Cun home da casa e artífice do ascenso do sénior masculino á Primera Nacional, Víctor Garrido, abandonando cun estrondo o club xunto cos seus xogadores logo de conseguir o salto de categoría nunha fase organizada polo Asmubal no seu pavillón de Coirón.

«Foi o peor momento para min coma presidenta; despois de conseguir o ascenso a Nacional, co club axudándolles en todo o posible para logralo, e que nos deran unha puñalada polas costas. Foi o peor momento, porque a min uníame unha amizade con Víctor de moitos anos, e sentínme traizoada. E coma min, a directiva e o club», conta Lobato. Máis aló de atoparse logo con «ter tres adestradores pechados para o sénior masculino, de estreitarlles a man e de botarse atrás», o peor foi o extradeportivo: «Baixaba á rúa avergoñada co que pasara, por eles pediramos achegas económicas, montouse unha fase de tres días, e logo responderon así, creando a dúbida de se o club era o que non quería saír en Nacional. A min custoume un ano superalo. Estiven mal, mesmo de saúde. Tiven que pedir axuda, porque me sentía fracasada, cando non foi así. Saín adiante grazas ao apoio dos meus directivos, que me sacaron adiante, porque confiaban en min. E o club aquí segue».

Traballadora da hostalería, Silvia non agocha as «moitas horas da miña vida perdidas» pola súa dedicación ao club. «Para poder facer visible un equipo modesto coma este tiven que sacrificar moitas cousas, mesmo momentos nos que os directivos tivemos que adiantar diñeiro dos nosos petos», en referencia ao sénior feminino, que este curso volveu, de novo por invitación, a Prata, só que desta volta rematando subcampión de Liga e xogando eliminatoria de acceso á final a catro para ascender a Ouro.

As tres razóns para facelo

Sobrepoñerse e avanzar tras todo o anterior resultaríalle imposible a Lobato sen, enumera, tres cousas. «Un grupo de directivos ante o que me saco o sombreiro» ao seu carón. «O que hai detrás deste club, apostando polo deporte, con hora e media tres días á semana para que os nenos teñan unha actividade na que fomentamos a convivencia e todas as cousas que son importantes na vida para que crezan sans, e que seus pais poidan facer nese tempo outras cousas tamén, con cotas moi básicas, a 50 céntimos a hora». E por último, o orgullo que se mestura ao ver que case a metade do cadro de xogadoras do sénior feminino, o «buque insignia» dunha entidade hoxe con 110 licenzas e dez equipos, está formado por aquelas integrantes da xeración de ouro da canteira, dándolle sentido a todo o traballo detrás da directiva. E, conclúe, «teño a sorte de que unha das que seguen aí e á miña filla, Andrea Cores».