Iván Raña encabezará a participación na Popular Concello de Meaño lembrando os seus anos con Javi Gómez Noya
MEAÑO
O ex triatleta de Ordes salienta a dificultade do trazado de 6.330 metros da proba decana do atletismo do Salnés, que manterá aberta a súa inscrición ata o 5 de setembro
28 ago 2024 . Actualizado a las 19:40 h.É a Carreira Popular Concello de Meaño unha proba marcada pola súa consolidada liturxia. Proba decana do atletismo arousán, este mércores, a semana e media da súa celebración —domingo 8 de setembro—, a Quinta de San Amaro foi escenario da presentación da que será a súa trixésimo oitava edición. Un acto encabezado polo alcalde da localidade, Carlos Viéitez, e que contou con varios dos aspirantes a protagonistas nas pistas meañesas. Entre eles, Iván Raña.
O deportista de Ordes, campión do mundo e bicampión europeo de tríatlon a comezos de século, tres veces olímpico, con cadanseu diploma en Sídney 2000 e Pequín 2008, e grande impulsor desta modalidade en Galicia, anunciou a súa presenza na liña de saída da Popular de Meaño. Unha carreira que, dixo, cre ter corrido a lo menos outra vez hai uns vinte anos e que lle fai ilusión disputar agora, cando a súa paixón polo motor o leva a investir nel case toda a súa dedicación ao mundo do deporte. «É un pracer correr aquí en Galicia. En xuño corrín aquí, en Meaño, co meu Toyota Yaris no Rali de Pontevedra e é unha zona que coñezo ben, de cando adestraba para o tríatlon con Gómez Noya», comentou Raña na presentación, na que desvelou que a súa presenza parte dunha invitación do alcalde, a quen coñece e que o animou a participar na Popular.
«Estando cos ralis, gústame ter un reto coma este que me leve a manter o adestramento a pé», engadiu o de Ordes, que inda que non coñece o circuíto, sabe ben polo atleta local Roberto Trigo, tamén presente no acto e na liña de saída, igual cas deportistas Zoe Cardin e Sandra Falcón, que se trata dun «circuíto rompepernas».
O Alcalde de Meaño recordou os tres percorridos da Popular, de 1.070 metros para os nenos nados entre o 2017 e o 2019, de 1.600 para os que o fixeron entre o 2011 e 2016 e o circuíto rei, de 6.330, para o resto das idades. Viéitez salientou o nome da última gañadora da proba raíña, a francesa afincada en Vigo Alice Finot, cuarta nos 3.000 metros obstáculos nos Xogos Olímpicos de París. A inscrición, gratuíta, permanecerá aberta ata as 23.59 horas do 5 de setembro, a través da web www.championchipnorte.com.