A cita traerá a Mosteiro máis dun cento de exemplares e contará con actividades equinas para todos os públicos e idades
13 ago 2024 . Actualizado a las 17:31 h.O Concello de Meis celebrará o vindeiro 15 de agosto unha nova edición da súa Feira Anual do Cabalo. A alcaldesa, Marta Giráldez, e integrantes da Asociación Ruta Rumba, organizadora xunto coa Administración local, presentaron onte o programa que se desenvolverá no Mosteiro. Un programa que seguirá, explicou a rexedora meisina, «a fórmula que comezamos o ano pasado» e que, salienta, resultou «un éxito», ofrecendo probas «para todos os gustos e para todo o mundo».
Neste novo formato figura o paseo cabalar, que na súa segunda edición estará dedicado a Ángel Lodeiro. De arredor de hora e media de duración e inscrición no mesmo día, comezará ás dez e será a segunda actividade, só despois da apertura da feira de compra-venda de exemplares, con cabalos e eguas de todas as razas.
Desde a organización, que conta coa colaboración da Federación Galega de Hípica, agardan superar os 130 exemplares presentes o ano pasado entre todas as actividades reunidas. Entre a máis numerosa, o concurso morfolóxico que arrincará ás dez e media da mañá, con premios de 100 euros e trofeo para o primeiro clasificado en cada unha das dezaseis categorías de cabalos, de eguas e de poldros en lid, de 50 e trofeo para o segundo e de trofeo para o terceiro. No caso dos poldros, limitados aos nados a partir do ano 2022.
Ao mediodía será a quenda da proba de andadura federada. Tras o parón para unha comida popular, programada para as dúas da tarde, ás catro continuaráse coa mesma proba. Unha ver concluída, daráse paso a unha proba de trote non federada, que obedece ao afán dos organizadores de ofrecer unha Feira do Cabalo aberta a todo tipo de amantes do mundo equino. Os competidores da proba de trote non federada optarán a un primeiro premio de 50 euros máis trofeo, a un segundo de 30 e trofeo e a un trofeo para o terceiro.
Os mesmos premios recibirán os tres mellores na xincana que comezará ás cinco e media da tarde, e que porá punto final á Feira do Cabalo, non sen antes, a partir das catro e media, ofrecerlles aos nenos ata 12 anos a posibilidade de participar coas súas monturas nunha carreira de ponis, con medalla para todos os participantes. Nesta, como en todas as demais probas, será obrigado o uso de casco.