A desfeita de Adro Vello-Os Castriños é vox pópuli
28 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.A desfeita de Adro Vello-Os Castriños é vox populi. Provoca que se multiplique cada día a imaxe deplorable dos responsables daquilo e non hai visitante, presencial ou nas redes, que non lle lance a estes grosos despectivos. Pode parecer que as Administracións competentes carezan de sensibilidade co patrimonio histórico que se deteriora alí, pero eu inclínome porque están asustadas coa destrución e para fuxir de responsabilidades entoan a coro unha tristísima e falsa salmodia: —Non é cousa miña!. Ese pavor é tan paralizante que non lles importan nin leis protectoras nin obrigas morais. Os dirixentes agáchanse aterrorizados uns tras dos outros. O Código penal, —si, si, o Código penal— establece cadea por causar danos en espazos arqueolóxicos; pero como nunca pasa nada, en Adro Vello campan aparcadoiros sobre estruturas milenarias, unha estrada directamente asfaltada sobre testemuños históricos e un chalé de veraneo construído encol de restos humanos e monumentais; e un particular pretende pechar Os Castriños. E eses responsables están caladiños. Vén sendo así desde os anos oitenta: as escavacións de Adro Vello, inicialmente antropolóxicas, sen control de ninguén, fixeron desaparecer restos óseos e enfocáronse sen método como traballos escolares para vacacións na praia. Por exemplo: confundiron a capela lateral do século XVII cunha sancristía do VIII; non dataron as sucesivas igrexas desde as documentadas nos séculos IX-X ata a trasladada a finais do XVIII; afirmaron que alí se erguía unha torre medieval de vixilancia que semella realmente a base dun campanario; o estudo da salga e vila romana, —romana!— e das salinas esqueceuse. E máis desleixos. Durante unha voluntariosa visita do Conselleiro de Cultura a Adro Vello, entrando no 2020, os veciños de San Vicente entregáronlle un esbozo para un plan de actuación perentorio. Despois da foto non se soubo máis. E así seguimos: as competencias municipais, urbanísticas entre outras, non se exercen. A Deputación non ten nos seus plans a Os Castriños-Adro Vello, nin á estrada asasina trazada por riba del. Chega unha temporada estival e os coches, desprezativamente, amoréanse en Adro Vello e continúan escachizando ese espazo. Que incuria!. Como é posible, se é patrimonio desde a época romana ata o XVIII? Sóalles de algo o do perímetro legal de protección?. E Os Castriños, dos que ninguén di nada?. No Concello do Grove hai goberno con concelleiros formados e maioría absoluta; na Xunta o Conselleiro de Cultura é catedrático de Historia; na Deputación, unha integrante da equipa de goberno é responsable de Cultura no Grove. A citada visita a Adro Vello —Alcalde, Conselleiro, responsable de Centros Educativos da Deputación e de Cultura no Grove— foi falsamente esperanzadora, outro engano. Non se diga que só pasaron meses, porque é de urxencia extraordinaria actuar con firmeza e, despois daquela foto, nin se convocou unha soa reunión das Administracións implicadas. Unha mágoa. Non só polo desastre de Adro Vello e Os Castriños.
Enlaces relacionados:
Os Castriños http://patrimoniogalego.net/index.php/21120/2012/06/castro-de-carreiro/
Adro Vello http://patrimoniogalego.net/index.php/21126/2012/06/necropole-de-adro-vello/
Urbanísticas http://www.planeamentourbanistico.xunta.es/siotuga/documentos/urbanismo/OGROVE/documents/0792CA007.PDF
Non se exercen http://www.planeamentourbanistico.xunta.es/siotuga/documentos/urbanismo/OGROVE/documents/0792CA001.PDF
Non se diga que só pasaron uns meses https://www.lavozdegalicia.es/noticia/arousa/2015/03/15/adro-vello-puso-cola-conseguir-puesto-lista/0003_201503A15C3992.htm