O Anduriña gáñalle un preito máis ao Unión, que tentou rexistrar o seu nome e escudo
O GROVE
O Xulgado do Mercantil Número 1 da Coruña condena o Unión Grove, dando por feito que actuou de mala fe
04 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.A representación legal do Anduriña Sociedade Deportiva fixo onte pública unha sentenza do Xulgado do Mercantil Número 1 da Coruña que condena o Unión Grove por «actuar de mala fe inscribindo na oficina de patentes e marcas española unha denominación e un escudo que xa fora inscrito» polo Anduriña S.D., explican desde a entidade deportiva meca.
A mesma fonte sinala que a sentenza en cuestión desestimou ao mesmo tempo a contestación reconvencional que o Unión Grove interpuxera ao mesmo tempo no mesmo xulgado contra o Anduriña S.D., impoñéndolle as costas do proceso. Esta tería sido outra manobra da directiva do Unión para tentar evitar a posta en marcha dun club co mesmo nome, Anduriña, dunha das dúas entidades das que naceu por fusión co Deportivo Grove no 2005.
Desde o Anduriña S.D. recordan que xa unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia desestimara antes unha demanda do Unión co mesmo fin.