Os da miña xeración vimos transformarse o mundo a unha velocidade difícil de asimilar
22 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.O mundo cambia cunha rapidez incontrolable. Nin sei por onde irá o futuro, nin quero ter dúbidas de que a xuventude —que non é unha cousa física e dígoo porque me convén— vaia ser quen de organizar a vida humana doutro xeito. A verdade é que os da miña xeración, —xa non sei se son baby boomer ou da Xeración X— vimos transformarse o mundo a unha velocidade difícil de asimilar; nós particularmente por saírmos esperanzados dun réxime social, político, económico e cultural atrasado e abafante e que, pasada aquela ilusión inicial, o que nos preocupa agora, por como evolucionou todo, xa non son os pequenos límites por onde andamos ás voltas, senón o planeta Terra de xeito global. Desde un punto de vista xurídico, en España recibimos con anhelo a Constitución de 1978, daquela moderna, homologable, e pensamos que aí estaba a solución que permitiría sentírmonos iguais ao mundo, digamos, avanzado. Mais resultou un punto de partida que hoxe quedou obsoleto. Porque hai unha cousa clara: a soberanía dos diversos Estados e as súas leis e Constitucións valían para unha visión dun orbe marqueado por fronteiras pero xa non serven para unha Humanidade globalizada, nin para a Natureza, que non recoñece estremas.
Na actualidade, os gobernantes reais son as grandes potencias militares e os poderes económicos e financeiros. Enseñorean o mundo. Nin uns nin outros, transaccionais, planetarios, están sometidos ás Constitucións de cada Estado e, polo tanto, esas normas non valen para controlar democraticamente a tales potestades reais. As multinacionais, cegas de avaricia, canalizan a súa actividade cara aqueles países nos que toleran explotar máis aos traballadores, pagar menos impostos, devastar o medio ambiente ou corromper aos gobernos. Por iso o concepto de soberanía estatal é agora o maior inimigo para encontrar solucións aos problemas comúns: esa soberanía de cada país non é axeitada para arranxar nin o cambio climático, nin a fame e a sede no mundo, nin as enfermidades non tratadas de millóns de persoas, nin permite un desarme, —en especial o das potencias nucleares—, nin axuda no drama das migracións. Ningún Estado, per se, pode afrontar problemas mundiais. Imaxinen as migracións: non é posible que un Estado occidental, por si só, decida abrir as fronteiras e dar cabida á totalidade dos necesitados do mundo. Ou no desarme: ningunha potencia nuclear vai eliminar as bombas atómicas se outra soa potencia non se desfai delas.
Así pois, a división territorial, as fronteiras, son a principal pexa para podermos afrontar os problemas da globalización. A todo isto hai que engadir que existe un mal, peste, andazo, epidemia que debilita ata mutilar ás clases políticas nacionais: o que poidan deseñar limítase ao territorio no que están elixidos e, ademais, sempre andarán castrados polos curtos prazos dos mandatos electorais cando non das enquisas. Luigi Ferrajoli diagnostica esta situación: «a democracia política actual está queixosa de presentismo e de localismo, non recorda e elimina o pasado e non se fai cargo do futuro, ou sexa, do que acontecerá máis alá dos tempos dos vencementos electorais e máis alá das fronteiras nacionais.
Por outra banda, debido aos seus límites espaciais os gobernos nacionais e as súas Constitucións son obxectivamente impotentes fronte ás catástrofes planetarias en curso, lamentablemente destinadas a agravárense». E hai solución? Claro que si, e o instrumento dinos Ferrajoli cal é: «Unha Federación global baseada nunha Constitución da Terra».
E non se albisca outra saída que non sexa considerar que o conxunto de toda a Humanidade é o pobo soberano da Terra.