O Grove foi o cuarto concello de Galicia con maior subida interanual do prezo da vivenda de segunda man en agosto, un 24 por cento
O GROVE
Vilagarcía de Arousa rozou un incremento do 20 %, co valor do metro cadrado de Cambados tamén disparado, pero menos
12 sep 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Poder adquirir un inmoble no que montar un proxecto de vida estáse a achegar cada vez máis a un luxo asiático. As cifras do prezo medio da vivenda de segunda man en venda non deixan de refrendalo. As últimas, as que ofreceu o portal inmobiliario Fotocasa referidas ao mes pasado. Datos que debuxan un panorama malo para o comprador galego, pero peor inda para o arousán.
Desde Fotocasa, infórmase que o prezo da vivenda de segunda man na nosa comunidade subiu un 9,1 % en termos interanuais, isto é, respecto ao mes de agosto do 2023, situándose nos 1.852 euros o metro cadrado de media.
O mercado comeza a chegar a cotas inasumibles para o común da xente. Nalgúns concellos máis ca noutros. Do medio cento de municipios galegos analizados polo Índice Inmobiliario Fotocasa con rexistros da variación interanual, 43 experimentaron subas dos prezos medios. Con seis sobresaíndo por riba do resto, ao superar o 20 % de incremento ao comparar agosto do 2023 e agosto do presente ano. Entre eles, O Grove, cuarto na tan pouco edificante listaxe. Tras Moaña, que viviu unha suba do 32,4 % do prezo da súa vivenda de segunda man á venda (o mes pasado, 1.814 euros o metros cadrado), Cangas, cun 30,4 % (2.501 €/m2) e Foz, cun 25,6 % (1.770), na localidade meca mercar un inmoble usado foi un 24 % máis caro, disparado o seu valor de mercado ata unha media de 2.102 euros o metro cadrado. Carballo, cun 22 % (1.133 €/m2) e Ames, cun 21,6 % (1.817) pechan o grupo de municipios máis disparados, no que Vilagarcía de Arousa non figura por moi pouco. En boa media, pola rebaixa do prezo medio na capital arousá nun 1,5 % respecto a xullo, deixando a variación interanual na comparativa con agosto do 2023 nun +18,8 %, ata os 1.626 euros o metro cadrado.
A terceira localidade que figura no Índice Inmobiliario Fotocasa é Cambados. A capital do albariño experimentou un quecemento dos prezos do seu mercado de vivenda de segunda man dun 7,4 % interanual, ata os 1.560 €/m2.