Da quimera da Xustiza en galego

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa O GROVE

O GROVE

MONICA IRAGO

De case corenta mil do 2023, só se pronunciaron en galego o 3,88 %

17 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

En Galicia o servizo público da Xustiza, desde o punto de vista do idioma, —desde outros, tamén— está abandonado e cunha regulación que é imperioso modificar, particularmente a súa Lei Orgánica. A realidade é humillante para o noso idioma. Parece que vai axudar algo a nova Lei Orgánica do Dereito de Defensa. Vaian por diante unhas cifras que saco do Centro de Documentación do Poder Xudicial, que non publica todas as sentenzas e autos que se ditan en Galicia. Recolle case corenta mil do 2023, das que só se pronunciaron en galego o 3,88%. En Cataluña, o 8,22 % en catalán. Para o 2024 selecciona case dezaseis mil, ditándose no noso idioma o 3,70%. En Cataluña van polo 9%.

Os xuíces e maxistrados que ditan sentenzas en galego son poucos, sabendo que hai corenta e cinco partidos xudiciais, —uns 275 xulgados—, catro Audiencias Provinciais, o Tribunal Superior de Xustiza e algúns órganos máis. Fan falta poucas liñas para pór os nomes: F. Fernández Leiceaga e L. Villares Naveira no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia; X. Varela Castejón e P. González Carreró Fojón na Audiencia Provincial da Coruña; X. X, Barreiro Prado na Audiencia Provincial de Pontevedra, tamén localicei unha de I. De Frías Conde; no Xulgado do Social de Pontevedra, I. Couselo Barrio; e nos xulgados de Primeira Instancia, E. Dasi Dovelle en Vigo e M. A. Pereira Costas, en Pontevedra. Algún máis hai que non sae no CENDOX como P. Filgueira, D. Dopazo, E. Prieto ou C. Pose.

A ausencia do galego non só é responsabilidade de xuíces, senón de avogados e funcionarios que habitualmente, ademais, empregan un castelán rancio nos escritos forenses. Noutros servizos xurídicos como Notarías e Rexistros da propiedade o galego nin existe. A esta situación dantesca axuda o descoñecemento dos dereitos lingüísticos da cidadanía. Vénme á cabeza a anécdota, que xa contei no libro Falando do Dereito, —páx. 128— editado pola Irmandade Xurídica Galega, do Notario de Lalín Victorino Gutiérrez Aller, —que deixou feito un formulario de documentos en galego—, cando redactou unha escritura en galego e o contratante preguntoulle, dicindo con respecto que non tiña dúbidas de que o que facía don Victorino era legal, se tería a mesma forza escrita en galego que redactada en español.

As resolucións xudiciais seguen a ditarse en castelán —o número en galego é testemuñal—. Penso, un tanto inxenuo, que a realidade é moito máis prosaica: os operadores xurídicos galegos actualmente dominan o galego e non parecen ter animosidade contra a utilización do noso idioma. A cuestión, iso: prosaica, é se poden ou teñen as mesmas facilidades para escribiren en galego que para o uso do castelán. Porque hai que resaltar que a maior parte das resolucións de trámite son formularios e están informatizadas en castelán. Non existen ferramentas informáticas de edición en galego a dispor dos funcionarios, como se vén reclamando desde hai tantos anos. Xa o Plan de Normalización da Lingua de 2004 sinalaba como puntos débiles da Administración de Xustiza que maxistrados, xuíces, fiscais e letrados dependesen do Goberno central —os funcionarios, son autonómicos—, que a oficina xudicial estivese deseñada en castelán e que os programas informáticos fosen nesa lingua. Entre os obxectivos específicos daquel Plan, aprobado por unanimidade pero sen respaldo orzamentario nin executado, figuraba actualizar os recursos técnicos para facilitar o traballo en galego. Tampouco se fixo. Por se fose pouco, os avogados seguen na inercia de non actuaren en galego e a sociedade, polo que agacha no subconsciente, coa preguiza de non esixir o seu dereito a ter as respostas do Poder Xudicial en galego. Queda todo por facer. O mesmo que hai vinte anos. Ou cincocentos, para que quede clariño quen manda. Triste, non?. E falso?