Pontecesures homenaxea a Alba Buján polo seu quinto posto no Campionato Mundial da ICF de Canicrós

La Voz PONTECESURES

PONTECESURES

Alba xunto a alcaldesa, Maite Tocino
Alba xunto a alcaldesa, Maite Tocino

Desde o Concello fan fincapé na necesidade de dar visibilidade aos deportes minoritarios

26 ene 2025 . Actualizado a las 11:14 h.

O Concello de Pontecesures homenaxeou este sábado a Alba Buján Miguéns polo seu quinto posto no Campionato Mundial da ICF de Canicrós, celebrado o pasado mes de outubro en Bardonecchia (Italia). Alba, xunto á súa cadela Valquiria, fixo historia ao participar por primeira vez nunha competición internacional na tivo que enfrontarse a un percorrido de 4 quilómetros con 120 metros de desnivel positivo, un circuíto técnico e de gran dureza.

A deportista foi recibida no salón de plenos do Concello pola alcaldesa, Maite Tocino Barreiro, e o concelleiro de Deportes e Mocidade, Alberto Rivas de Jesús. Durante o acto, a rexedora quixo subliñar o mérito de Alba, destacando o «traballo, esforzo e sacrificio da deportista, sendo o seu compromiso un exemplo, non só para ela e o seu entorno, senón para toda a sociedade, amosando que a mocidade tamén é exemplo e bandeira de valores tan importantes e fundamentais para o avance da mesma como os que acabamos de describir».

Con este recoñecemento, o Concello de Pontecesures quere amosar o seu compromiso coa promoción do deporte e, en concreto, aos deportes minoritarios como o canicrós, que, aínda «que menos coñecidos, representan unha grande oportunidade para fomentar valores como o respecto, a colaboración e o vínculo coa natureza», indica a alcaldesa.