O Arousa, coas barbas a remollo na casa do Areas

RIBADUMIA

MARTINA MISER

Manu Justo volve ante un rival modesto quen de tumbar os dous primeiros clasificados

08 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Coma en practicamente calquera situación na vida, para cada partido de fútbol sería probable atopar un refrán que lle caia coma anel ao dedo. Hoxe, no campo da Lomba de Ponteareas (18 horas), o Arousa preséntase coas barbas a remollo despois de ver a capacidade do seu sobre o papel modesto anfitrión, o Cultural Areas, para encadear sendas vitorias no seu campo ante os dous primeiros clasificados en cuestión de oito días. Os que transcorreron entre o 2-1 sobre o Compostela do 25 de febreiro, e idéntico resultado o 4 de marzo co Bergantiños como adversario.

O Arousa chega ao choque desta tarde sétimo con 53 puntos, a tiro de 3 dun Racing Vilalbés que ocupa a ansiada cuarta e última praza con dereito á vindeira fase de ascenso á Segunda B. Situación privilexiada ante a dun Cultural Areas sétimo pola cola da clasificación con 31 puntos, só 4 de colchón sobre o descenso directo, e en perigo ante a hipotética caída de tres conxuntos galegos procedentes da categoría de bronce do balompé español en mes e medio.

Yago Yao, excentral de Primeira División co Celta e co Recreativo de Huelva, e xogador de Jorge Otero no primeiro ano deste como primeiro técnico do Rápido de Bouzas e o último de Yao coma futbolista profesional, está detrás da recuperación dun Areas que na xornada 17 ulía a fixo no cuarteto do descenso con só 11 puntos. Tras debutar con dous triunfos, sobre o Vilalonga e o Arenteiro, o cadro de Ponteareas leva 20 puntos da man do seu actual preparador, recambio do portugués Carlos Machado. Cun fútbol maleable en función das circunstancias do rival, do escenario e da evolución do marco de operacións ao longo dos 90 minutos de xogo.

 

Tridente rival de luxo

Tras tres semanas no dique seco, Manu Justo volve á convocatoria do Arousa, no que foi peza determinante nas trece xornadas invicto que encadeou o equipo entre novembro e o febreiro. Con Anxo como única baixa por lesión e Seva descartado en favor de Torrado, Jorge Otero inculcoulles unha semana máis aos seus homes a necesidade de «darlle un ritmo algo ao xogo cando teñamos o balón, sendo profundos», e ante o Areas, «coidarse das transicións defensa-ataque», con homes da calidade de Mintegui, Cañoto ou Yelco. De feito, e en contraste coa súa delicada situación clasificatoria, o Cultural Areas dispón do sexto tridente goleador máis produtivo do grupo galego da Terceira, con Yelco, Belhadi e Mintegui sumando 24 tantos.

Ribadumia-Arenteiro, Somozas-Céltiga e Laracha-Vilalonga

O C.D. Ribadumia é hoxe (17.30 horas) o único dos catro equipos arousáns da Terceira que xoga na casa. Nun partido de 7 puntos ante o Arenteiro, sexto pola cola da clasificación 6 puntos por debaixo do seu anfitrión. O Céltiga ten a difícil misión de puntuar no campo do quinto, o Somozas, tras perder a Javi para o resto da Liga, e sen Capi. O Vilalonga está pola súa parte en disposición de axudar os seus dous veciños de gañar no feudo do Laracha, decimosexto na táboa. Pola súa banda, na Preferente o Unión Grove, oitavo, visita o noveno, Beluso.