Unhas 250 ximnastas competirán o sábado en Ribadumia no quinto Torneo Vila de Cambados
RIBADUMIA
O Grand Jeté volve organizar unha cita con participación das súas máis de medio cento de deportistas
24 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.O pavillón do complexo polideportivo da Senra, en Ribadumia, será mañá sábado, de 16 a 20.30 horas, o escenario da quinta edición do Torneo Vila de Cambados de Ximnasia Rítmica. O motivo do traslado da competición organizada polo club Rítmica Grand Jeté da localidade do albariño non é outro ca necesidade de buscar unha pista alternativa ao atoparse esta fin de semana o Pavillón Municipal do Pombal de Cambados ocupado polos 18 equipos de tenis de mesa de Primeira División Nacional que optan a dar o salto á División de Honra, a segunda categoría estatal do deporte das pas.
A presidenta do Rítmica Grand Jeté, Lorena Romero, presentou onte o torneo acompañada da súa vicepresidenta, Ángela Pérez, da concelleira de Deportes de Cambados, Noelia Gómez, e xunto ao alcalde de Ribadumia, David Castro, na súa calidade de anfitrión. Romero informou de que a competición contará con arredor de 250 ximnastas rítmicas chegadas de 20 clubs de diferentes puntos da xeografía galega. Entre eles figuran os veciños Rítmica Arousa da Illa, o Vilarousa de Vilagarcía e O Salnés de Sanxenxo.
Sobre os tapices da Senra, o club anfitrión competirá con 20 exercicios executados polas 56 deportistas do Rítmica Grand Jeté de Cambados, consolidado tras unha década de actividade.