Valga participa nun programa de televisión en Austria na procura de novos talentos musicais
VALGA
Os gañadores do concurso serán alumnos o vindeiro curso do Centro Superior de Música Galicia
22 may 2024 . Actualizado a las 14:56 h.O nome de Valga soou na televisión pública de Austria, ORF, a través do concurso de talentos Goldene Note porque os tres gañadores desta edición serán o vindeiro curso alumnos do Centro Superior de Música CSM Galicia, con sede en Valga. Formarán parte do proxecto Promotion Program, co que o conservatorio ofrece aos estudantes a posibilidade de participar en concertos e recitais en teatros de prestixio internacional.
Para asistir á gravación da gala final do certame viaxaron a Viena o alcalde, José María Bello Maneiro, a concelleira Carmen Gómez, María Jesús Rey, xerente da empresa Galival Music que xestiona o CSM, e Simón Ibáñez, director do centro. Neste concurso están involucradas algunhas das institucións máis importantes de Austria a nivel musical e está aberto á participación de nenos e mozos dende 5 a 18 anos con instrumentos de vento, teclado, corda ou corda pulsada.
O programa, que se emite tanto en Austria como en Alemaña, acada unha audiencia duns dous millóns de espectadores e a gala gravada o martes na que se coñecerán os nomes dos tres premiados emitirase o vindeiro 31 de maio, segundo informa o Concello.
Bello Maneiro e Simón Ibáñez apareceron durante a gala nun vídeo gravado en Valga anunciando este premio que permitirá aos gañadores actuar no auditorio de Galicia en Santiago, na Ópera de Valencia e no Carnegie Hall de Nova Iorque en 2026. En Valga haberá oportunidade de velos tamén, xa que os novos talentos da música clásica asistirán a clases e participarán en recitais no auditorio municipal.