Valga celebra con Manuela Eiras, a terceira veciña máis vella do municipio, o seu 101 aniversario
VALGA

Nela de Catalina, que é como lle chama a veciñanza, goza escribindo e vendo as telenovelas
25 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Manuela Eiras Castiñeira, veciña de Ferreirós (Cordeiro-Valga), celebrou este luns o seu aniversario número 101. En tan sinalada data, a muller recibiu a visita de boa parte da súa extensa familia. E como xa é tradición en Valga, pola súa vivenda pasou tamén, en día de tanta importancia, o alcalde José María Bello Maneiro (PP), que acudiu a felicitala e a facerlle entrega dun ramo de flores e duns doces.
Manuela Eiras, coñecida entre a veciñanza como Nela de Catalina, ten unha extensa familia: tivo nove fillos, un deles xa falecido, e conta con catorce netos e dezaoito bisnetos. Os que onte puideron acudir á celebrar o día con ela, algúns chegados mesmo dende Madrid, gozaron dun amplo e saboroso menú. Os que non puideron estar visitarana pronto: en Semana Santa reunirase a familia ao completo para soprar as velas outra volta con Nela. «Ela merece dúas festas», sinalaba onte a súa filla pequena, Ana María Ferro, chea de orgullo.
Segundo contan, e ben se ve, Manuela goza dunha moi boa saúde, aínda que de cando en vez ten algún que outro malestar. Aos seus 101 anos e ten as súas rutinas diarias ben marcadas. Non deixa pasar nin unha soa xornada sen realizar tarefas de escritura para manter a mente activa, e divírtese vendo as novelas que botan pola televisión. Durante a visita do alcalde, Nela mantivo con el unha fluída conversa, xa que de sempre o rexedor e a centenaria mantiveron unha estreita relación. «José María, para o ano outra vez», emprazouno como despedida.
Nela é a terceira veciña de máis idade de Valga, despois de María Tarrío (de Eiras) con 102 anos e de Benilde Castaño (de Laxes), que fai tan só uns días cumpriu 101.