A Regata Virxe do Carme, o 24 de xuño, a Bandeira Concello de Vilagarcía, o 7 de xullo, e a Bandeira Concello do Grove, o 21 de xullo, serán as probas nas augas da beira sur da ría arousá
05 abr 2018 . Actualizado a las 12:24 h.Aprobado pola súa asemblea o pasado 22 de marzo, o calendario da Liga Galega de Traíñas 2018 quedaba pechado esta semana tras un pequeno troco solicitado por un club. Solventado este último punto, a entidade que xestiona a competición de referencia do remo galaico vén de facer públicas as follas de navegación que terán por diante esta tempada as traíñas das súas dúas categorías masculinas, A e B.
Na primeira delas volverán competir os tres clubs da beira sur da ría de Arousa, o C.R. Mecos-Mondariz, o Amegrove C.R. e o C.R. Vilaxoán. Os tres, con cadansúa regata a cargo. A primeira por orde cronolóxico será a Regata Virxe do Carme do Grove o 24 de xuño. Dúas semanas despois será a quenda do C.R. Vilaxoán, o 7 de xullo na decimocuarta Bandeira Concello de Vilagarcía. E outra vez cunha separación de dúas semanas, o 21 do mesmo mes, disputaráse a Bandeira Concello do Grove.
Coa regata inaugural programada para o 16 de xuño, e coa XI Bandeira Concello de Ares elixida como play-off e punto final o 25 e 26 de agosto, todas as datas da Liga A están programadas, coa primeira fin de semana de agosto liberada pola disputa do Campionato de España de Traíñas. Na LGT-A unicamente quedan por determinar o lugar da regata inaugural, con Baiona como praza pretendida pola Liga, e coas probas do 30 de xuño e do 1 de xullo pendentes de concretar, inda que con negociacións moi avanzadas.
Polo que respecta á Liga Galega de Traíñas Feminina, o calendario non se coñecerá en principio ata o vindeiro mes, toda vez que o prazo de inscricións seguirá aberto ata o día 30 de abril. A previsión máis optimista da LGT calcula en media ducia as embarcacións femininas que finalmente acaben dando o paso adiante este ano.
Sinatura en Ravella do acordo coa ACT
O 2018 arrincou cun acontecemento histórico para o remo galego. Por primeira vez unha directiva da Liga Galega de Traíñas se reunía coa súa homóloga da Asociación de Clubes de Traineras. Un encontro que descubríu que a entende antre ambas entidades resultaba moito máis doada do que moitos crían. Unha rápida reunión e unha comida posterior serviron para sentar as bases do ansiado convenio pretendido pola LGT que desde o pasado outono preside o vilaxoanés Melchor Gago, a fin de protexer os intereses dos clubs galegos ante as recurrentes fichaxes dos seus remeiros por clubs da ACT. Este sábado, ás 11 no consistorio de Vilagarcía, os presidentes de ambas entidades asinarán o acordo.