O Arousa xoga esta tarde unha partida a dous taboleiros, confiando en derrotar o Noia e ver un triunfo do Bergantiños sobre o Alondras para volver a meterse na fase de ascenso a Segunda División B un cuarto de século despois. En paralelo, o Céltigasó pensa en superar o Ourense C.F. para non caer arrastrado pola riada da 2ª. B
13 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.E chegou o día. O día no que a máis profunda das decepcións, a sufrida hai hoxe unha semana en Cangas pola goleada encaixada a mans do Alondras, poida acabar convertida en mera anécdota polo sorriso do destino. Un día no que o Arousa acabe celebrando o regreso do equipo á fase de ascenso á Segunda División B un cuarto de século despois a forza de vencer na Lomba o C.F. Noia co subcampión, Bergantiños, facendo o propio en Carballo co Alondras. Os dous resultados indispensables para recuperar o cuarto posto que o cadro do Morrazo lle arrebataba ao plantel de Jorge Otero nun partido no que o Arousa puido ter sentenciado a súa primeira clasificación para a promoción no Século XXI.
Hoxe parecen ser máis os motivos para o optimismo que para o desánimo nas filas arlequinadas nunha derradeira xornada de Liga con horario unificado para os seus dez partidos: as seis da tarde.
batalla psicolóxica
A presión trasládase de Vilagarcía ao Alondras. Certo é, o Arousa non depende só de si mesmo para facerse co cuarto posto. Pero unha vez asimilado polo vestiario o duro golpe recibido do Alondras o domingo anterior, a maior presión trasládase ao conxunto cangués. O peor xa pasou. Sen nada nas mans, hoxe o Arousa ten ante si todo por gañar, e nada máis xa que perder.
factor campo
O fortín da Lomba e a trampa das Eiroas. O Arousa xoga na casa. E iso ata hoxe significou un seguro antiderrotas. O equipo de Jorge Otero é o único equipo do grupo galego da Terceira sen coñecer a derrota en campo propio esta tempada. Un dato no que ten moito que ver o apoio dunha das afeccións máis populosas e entregadas da categoría. Se hai menos de dúas semanas as gradas da Lomba superaban con creces o milleiro de afeccionados locais ante o Bergantiños, hoxe augúrase un apoio igual ou mesmo maior. Porque pese ao revés de Cangas, ninguén dubida de que a posibilidade de festexar en campo propio o regreso á fase de ascenso a Segunda B non será obviada polos seareiros arlequinados. E máis, co incentivo da directiva de Manolo Abalo, que hoxe agasalla a cada un do milleiro de socios do club con dúas entradas fronte ao Noia para outros tantos acompañantes. O Alondras, pola contra, debe visitar a un Bergantiños que fixo do seu pequeno campo de herba sintética un poderoso aliado, cedendo só dous empates e outras tantas derrotas en Carballo.
rivais e estilos
Partido aberto fronte a choque pechado. O Noia, sen Tachi no centro da zaga e co seu porteiro titular, Pajarillo, lesionado, vén á Lomba obrigado a gañar para, sen depender de si mesmo tampouco, superar o Cultural Areas e evitar o descenso directo á Preferente. Como ao Arousa, o empate non lle vale, abrindo un escenario de fútbol aberto perfecto para o estilo e os intereses arlequinados. Equipo sen concesións atrás, inda sen nada en xogo a nivel clasificatorio, o Bergantiños preséntase de partida coma un muro para o ataque do Alondras.
Sen Marcos nin Manu Justo, por acumulación de tarxetas, pero con Sylla de regreso á convocatoria, o adestrador do Arousa, Jorge Otero, declaraba onte que «estou convencido de que se gañamos, metémonos na fase».
O Céltiga só pensa en gañar para non caer arrastrado pola riada da 2ª. B
«As finais non se xogan, gáñanse». Claro e contundente, así arrincaba onte o adestrador do Céltiga, Manolo Núñez, á hora de falar do seu derradeiro partido de Liga, esta tarde no Salvador Otero a partir das seis co Ourense C.F. coma rival. O conxunto illense está obrigado a sumar os tres puntos para conservar sen terceiros resultados unha decimoterceira praza que no peor dos casos mesmo podería non ser suficiente para manterse na Terceira polos arrastres galegos da Segunda B. O Laracha, cos mesmos 41 puntos có Céltiga e xogando no campo dun Vilalbés que defende o terceiro posto, e o Arenteiro, con 39 e visitando a un Cultural Areas ameazado polo Noia con caer ao descenso directo, miran hoxe tamén á Illa, a cuxo pobo a directiva do Céltiga pedía o venres o seu apoio masivo para impulsar o seu equipo.
Fronte a un rival que só perdeu un partido nas dez xornadas precedentes, Núñez xestiona un equipo sen Ángelo, Christian, Marcos nin Sabino, e con Eloy tocado por unha sobrecarga muscular.