Vilaxoán e Mecos regresan á auga levando máscara

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

Martina Miser

Os clubs arousáns confían en poder adestrar sen o complemento desde a vindeira semana

16 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

«Se non nos deixan baixar o luns á auga, coa entrada da nova normalidade, cando nos van deixar?». Por fortuna, a pregunta ao aire que lanzaba Gelo Tarrío o pasado sábado mentres daba por feito o reinicio dos adestramentos na nova semana non terá que ser respondida. Onte á tardiña tanto a traíña do remeiro e presidente do C. R. Vilaxoán como a do veciño C. R. Mecos saían ao mar tras tres meses no dique seco, portadas polos seus xogos de trece remeiros e mailo patrón. Todos eles con cadansúa máscara axustada á cara. Un complemento do que, ao contrario que os remeiros de Euskadi e de Cantabria, de volta aos adestramentos de equipo no seu medio natural desde sete días atrás, non puideron desprenderse nin unha vez comezaron a vogar, portándoo en todo o tempo de traballo cos compañeiros de bancada.

Así, informa Gelo Tarrío, quedou establecido no protocolo que a primeira hora da tarde lles chegaba aos clubs galegos de remo desde a Secretaría Xeral para o Deporte, o salvoconduto necesario por parte da desde a semana pasada autoridade competente na regulamentación das condicións de adestramento e de competición de nivel autonómico en Galicia. Tanto Gelo Tarrío como Martín Rodríguez Prol, adestrador da traíña do C. R. Mecos, coincidían en que a obriga de adestrar con máscara non é un problema nesta primeira semana, por canto todas as tripulacións dedicarán as súas primeiras sesións conxuntas a series de fondo, a «coller un pouco de tacto coa auga. 18-20 padas por minuto, non imos facer nada extraordinario, o equivalente a unha persoa andando pola rúa», explica o vilaxoanés.

Á espera do protocolo definitivo

Pero unha vez que se supere esta breve fase de reencontro coa auga, «no momento no que busques velocidade», con adestramentos de intensidade, «a máscara é infumable», advirte Gelo Tarrío. Na mesma liña, Rodríguez Prol salienta que o protector facial é un elemento «que deberiamos evitar» unha vez que as traíñas comecen a apertar o ritmo a vindeira semana. «Supoño que así como vaian pasando os días quitarannos a obriga das máscaras», comenta o adestrador do C. R. Mecos. A Secretaría Xeral para o Deporte quedou pendente de aprobar un protocolo definitivo para o remo na nova realidade en vigor desde onte en Galicia. Nel -dan por descontado os clubs- suprimirase o uso da máscara.