Arousa Inspira prosegue hoxe en Vilagarcía cunha xincana infantil e moita música na praza de Galicia

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

Actuarán Dani Barreiro e os emerxentes talentos locais de música Gersio, Was, Sami, B. Tass, entre outros, mentres que a faena rematará cos djs Mavda, Slumsherin e Yungvoidy

27 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Despois do punto e aparte do ano pasado, este ano volve ás rúas de Vilagarcía o Arousa Inspira, unha proposta para fomentar o patrimonio local e, sobre todo, poñer en valor o «poder da mocidade», lema co que onte presentaron no Concello de Vilagarcía o programa da terceira edición do festival.

Desta forma, o xoves 26 e o venres 27, a praza de Galicia acollerá actuacións musicais, humorísticas e o Concurso de Concursos, que saíu onte do Liceo Casino por primeira vez. Tamén se celebrarán os clásicos certames de fotografía e poesía, así como o obradoiro de pintura, os cales xa están en marcha.

Tras as actuacións musicais de Pedro Campos e de Rain Slaves de onte, a xornada de hoxe arrinca ás dez da mañá cunha xincana para corenta nenos de entre 6 e 10 anos que permitirá aos máis pequenos coñecer os espazos naturais da cidade. Ás seis da tarde, a música invadirá a praza de Galicia coas actuacións de Dani Barreiro e os emerxentes talentos locais de música Gersio, Was, Sami, B. Tass, entre outros, mentres que a faena rematará cos djs Mavda, Slumsherin e Yungvoidy.

Nestes dous días, os membros da Arousa Moza, entidade organizadora, estarán recollendo firmas para que a asociación conte cun espazo adecuado para seguir desenvolvendo a súa actividade.