O mar, a morte, a vida e as Torres de Oeste; así figura Arousa na obra de Rosalía

Serxio González Souto
serxio gonzález VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

Fundación Rosalía de Castro I María Cardarelly

Dous poemas e un relato conteñen referencias expresas á beira sur da ría

23 feb 2022 . Actualizado a las 20:56 h.

Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro, subliñaba esta semana que non son moitos os lugares que aparecen citados expresamente na obra da grande autora do Rexurdimento. Sendo isto así, os habitantes da beira sur da ría de Arousa poden sentirse, dende logo, afortunados. Existen, cando menos, tres referencias en expresión poética ou narrativa a dous enclaves do noso territorio: dúas delas poñen o foco en Carril, co seu topónimo orixinario, O Carril, que en tempos da escritora sostiña un Concello de seu, aínda non vinculado a Vilagarcía de Arousa, e unha terceira faino nas Torres de Oeste, en Catoira. Dun xeito máis ou menos explícito, o mar está presente en todas elas, aínda que cunha función ben distinta.

A primeira pincelada arousá remóntase á publicación de Cantares gallegos, en 1863, cando a autora ten 26 anos. Influenciada polas tradicións populares, Rosalía demostra que o galego é unha lingua susceptible de expresar o sentimento dun pobo. No seu poema Pasa, río, pasa, río, atopamos esta estrofa: «I, ¡ai que fora das froliñas / véndote lonxe de si / ir pola verde ribeira / da ribeira do Carril!». O río é, obviamente, o Ulla, «camiño do mar salado / camiño do mar sin fin». As súas augas levan as bágoas da muller cara ese mesmo océano que comeza en Carril e remata, se é que o fai, no Brasil ao que emigrou o seu amado.

O mar coma fronteira e obstáculo para unha separación física insuperable reaparece 17 anos máis tarde en Follas Novas. Rosalía é xa unha muller madura —morrerá, de feito, en 1885, apenas un lustro máis tarde— capaz de manter o pulso da poesía social, pero tamén de aprehender fondos sentimentos de resonancias mesmo metafísicas. O quinto dos libros que compoñen a obra, As viudas dos vivos e as viudas dos mortos, contén o poema As Torres d’Oeste. Unha muller perseguida polas sombras e a pena cede á tentación de se botar ao río na procura de morte e descanso. Citadas en diferentes ocasións, as torres son testemuñas sombrías da súa caída: «¡Ou Torres d´Oeste! / Tan soyas e mudas / C’a vos’ atentaches / A miña tristura /Ninguén triste vaya / Cabo de vos nunca» [...] «Non vayades nunca, / Eu vo-lo aconsello, / Ás Torres dÓeste / C’o corazón negro».  

O mar que a chamaba

A auga xa non é só linde física, senón, fundamentalmente, elemento de tránsito entre a vida e a morte. Mesmo o seu propio instrumento, bebendo dun simbolismo fondamente arraigado na cultura e as sociedades occidentais. A auga que desemboca nese mesmo mar que Rosalía quixo ver por última vez en Carril, no verán de 1885, poucos días antes de finar. A el lle dedicou as súas derradeiras palabras, xa en pleno delirio, cando pediu á súa filla Alejandra que abrise a fiestra da súa habitación na casa da Matanza, en Padrón, para tentar ollar un mar que a chamaba.

A terceira referencia procede do seu Conto gallego, un relato que se publica en 1923, na Arxentina, malia ser escrito en 1864 ou 1868. Un amigo trata de convencer a outro de que sente a cabeza: «Mais ti fas coma o outro: hoxe o gano, hoxe o como, que mañán Dios dirá. Nin tes arrello nin cousa que o valla: gústanche os birbirichos i as birbiricheiras, o viño do Ribeiro e as ostras do Carril». Lonxe do tráxico, o mar de Carril ofrece aquí as súas ostras, símbolo de diversión e boa vida. O reverso luminoso da moeda.

 Mapa de actividades no 185 aniversario do seu nacemento

A bisbarra bule hoxe de propostas coas que conmemorar o 185 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro. Practicamente en cada centro educativo hai unha actividade que desenvolver. Estas son só algunhas delas.

Vilagarcía ofrece unha dobre programación. Dunha parte, a biblioteca municipal, que leva o nome da matriarca das letras, inaugura unha exposición sobre a súa vida e a súa obra. A mostra integra paneis informativos, reproducións de cubertas de varias edicións dos seus libros e una escolma de obras da súa autoría, así coma de estudos e críticas sobre ela, que tamén forman parte dos fondos do centro de lectura. Componse de máis dun cento de títulos entre os que destaca a edición de Cantares gallegos que a editorial Galí publicou en 1941 e reproduce a primeira edición de 1863, corrixida e revisada pola propia Rosalía. Poderá visitarse ata o 23 de marzo. Por outra banda, Dani Barreiro e Borja García levarán polos institutos do concello as sesións musicadas Rosalía en 4 poemas e 4 cancións.

Un destes centros, o instituto Castro Alobre, celebra o Día de Rosalía de Castro coa distribución de chapiñas conmemorativas. O seu deseño corresponde a Vera Pesado Ventoso e Carlota Magán, de 1.º e 3.º curso da ESO, respectivamente, e foi escollido entre un cento de traballos.

Xa en Cambados, a concellería de Cultura aproveita a celebración para homenaxear a Luís Rei. As librarías do municipio contan hoxe con exemplares da súa última obra, inacabada, na que quen fora técnico do departamento municipal durante tres decenios investigaba a figura do líder agrarista Basilio Álvarez. Quen merque hoxe un libro en galego en Cambados recibirá coma agasallo a peza escrita por Rei, que foi presentada onte.

Na Illa, alumnos e profesores do colexio Torre levan tempo traballando nun mural que ficará no centro de xeito permanente. Trátase do Recuncho de Rosalía, que será inaugurado esta mañá.

Outra das iniciativas máis destacadas leva a sinatura da Deputación de Pontevedra e a Fundación Rosalía de Castro. Centos de manteis foron distribuídos nunha trintena de concellos da provincia. Trátase de pezas divulgativas sobre o caldo de gloria, a humilde receita que a poetisa describe en Miña casiña, meu lar (Follas Novas, 1880).

Nos comedores escolares

Os manteis estarán presentes nos comedores escolares dos centros de ensino públicos e na hostalería dos municipios de Meaño, Meis e Ribadumia. Tamén servirán o caldo de gloria —a súa elaboración, que este ano leva a cabo o chef Xoanqui Ameixeiras, pode consultarse na web rosalia.gal e na canle da Casa de Rosalía de Castro en Youtube— o instituto Asorey de Cambados, o centro Amencer de Vilagarcía e o colexio Progreso de Catoira.