Aprender galego: historias de amor e de conveniencia na escola de idiomas

Rosa Estévez
rosa estévez VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

ADRIÁN BAÚLDE

Unha caraqueña, un italiano, unha manchega e varios galegos explican por que estudan esta lingua na EOI de Vilagarcía

01 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Antes de chegar á Escola Oficial de Idiomas, Laura foi mestra de galego en Secundaria. No instituto, di, o seu traballo docente non consistía só en ensinar as normas da lingua á rapazada: en demasiados casos tiña que facer unha labor extraordinaria para motivar ao seu público, para espertar na rapazada o interese por aprender un idioma que é noso. Esa circunstancia cambiou notablemente cando se incorporou como docente á EOI. «Aquí a xente ven moi motivada», cóntanos. Estamos na aula. É martes pola tarde e hoxe un grupo de seis persoas, matriculadas no curso de preparación do Celga 4, está a facer exercicios de colocación de pronomes.

Hai certa unanimidade na clase: a colocación dos pronomes ten o seu aquel. Malia iso, o ánimo e o bo humor non decae. Quizabes teña algo que ver o feito de que a maioría das persoas que se sentan na aula non teñan unha necesidade perentoria de conseguir o certificado para o que se están a preparar. A única que recoñece a súa presa é Esmeralda. É de Toledo, pero leva tempo vivindo aquí; está estudando galego porque é mestra, e quere presentarse ás oposicións «e necesito o Celga». Fala con fluidez, parando a penas a pensar algunha verba. «Falar é o que máis me preocupa; a proba escrita creo que a levo ben».

Algo hai no ton de Esmeralda, na forma de encadear as palabras, que delata a súa orixe manchega. Cando fala María José tamén se nota un acento estraño, malia que a súa fala é dinámica e natural. «Falo galego todos os días na casa», sinala esta muller, que pasou a súa vida entre Brasil e Caracas. «Eu non é que precise o Celga, pero vexo isto como un complemento. Crin que falaba ben o galego, pero estou a ver que teño problemas coa parte gramatical», sentencia. O nivel de esixencia do alumnado, queda claro, é alto: é o que ten estudar por vocación.

Tamén Luigi, que vén dende Caldas, cursa esta formación por pracer. Este italiano leva dous anos en Galicia e xa manexa a nosa lingua con tanta soltura que costa traballo recoñecer a súa orixe no país con forma de bota. «A verdade é que aprender galego é unha cuestión de vontade, porque hai moitas axudas. E non so cursos: podes ver televisión, escoitar radio, ler en galego... E todo iso está moi ben», sentencia. Para el, o Celga é un aliciente secundario. «Eu penso que aprender o galego é unha forma para integrarte na comunidade, para sentirte un pouco máis parte dela».

Asun tamén é de fóra de Galicia, aínda que leva trinta anos asentada na capital arousá, así que conta xa como da casa. É profesora de instituto, pero asegura non saber como conseguiu acadar no seu día o Celga. «Non era real», di. Ela le e escribe sen problemas, pero falar dáballe vergoña, por iso decidiu matricularse neste curso da EOI para, por fin, soltarse cunha lingua «cunha musicalidade preciosa».

Xoán Carlos e Belén si que son galegos. El está sentado neste aula porque, malia que na súa casa sempre se falou, el nunca se sentiu cómodo empregando este idioma e quere soltar ese lastre. Ela, non en tanto, estivo emigrada en Alemaña. «Eu sei falar galego, pero non o sei escribir. E por iso estou aquí». Por amor.

A EOI ofrece varios tipos de formación que confía en poder consolidar e ampliar no futuro

Este é o primeiro curso no que a Escola Oficial de Idiomas de Vilagarcía ofrece a posibilidade de estudar galego. Sonia Tarela é a coordinadora desa área, que ten as súas particularidades no contexto da escola. «Non hai un único curso de galego; en realidade, ofrécense tres tipos diferentes de formación», sinala. En primeiro lugar, un curso ordinario de nivel C-2, o máximo nivel que se pode acadar na escola de idiomas para calquera lingua. Neste caso, o cen por cento das persoas matriculadas son «persoal docente dos distintos niveis». Interésalles perfeccionar o seu galego, pero tamén un título que conta como mérito en oposicións e concursos de traslados.

Pero tamén se ofrecen en Vilagarcía dous cursos cuadrimestrais para a obtención do Celga 4. Son cursos gratuítos aos que acude un perfil máis amplo de xente: persoas de fóra de Galicia que precisan o Celga 4 por motivos laborais; galegos e galegas que non acadaron no seu día a formación precisa para que se lle recoñeza ese nivel e precisan tamén obter a carta que valide os seus coñecementos...

Por último, ofrécense dous cursos cuadrimestrais de Linguaxe Administrativo (nivel medio e superior), dirixidos a persoal das administracións públicas de Galicia, a excepción do persoal docente. Estes cursos ofrécense na modalidade de teleformación e teñen unha moi alta demanda, mesmo con xente en lista de agarda, xa que non só contribúen a mellorar a calidade dos servizos públicos, senón que tamén se consideran méritos.