Alberto Varela, candidato do PSOE en Vilagarcía: «O que embelece as rúas é a xente»

Serxio González Souto
serxio gonzález VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

Martina Miser

A cabeceira do Salnés mobilizará 30.605 votantes o domingo, a terceira parte dos electores de toda a bisbarra

26 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Oito anos e unha maioría absoluta despois de chegar á alcaldía, Alberto Varela asume o reto de manter o elevado nivel de voto que recolleu para o Partido Socialista en Vilagarcía.

—Modelo de cidade ou cidade modelo?

—As dúas cousas. Temos un modelo identificable, unha cidade amable e acolledora que gaña en atractivo e comodidade. E tamén moito do que sentirnos orgullosos. Moita xente de fóra está gabando a transformación que a nosa cidade está a experimentar. Non só agora, senón tamén ao longo das últimas décadas.

—Para cando, tamén, un modelo de parroquias?

—Xa existe. Sei que en campaña se teima en polarizar centro e parroquias. Pero os números din que os investimentos máis fortes fixéronse fóra do centro. O albergue de Carril e a gardería de Vilaxoán, por exemplo. Por certo, a reforma da rúa Sobrán custou a tripla que a da praza de Galicia.

—Non sei se as maiorías absolutas as carga o demo. Ás primeiras de cambio, unha pandemia.

—Non creo que as maiorías teñan a culpa. Vexo a oposición moi obsesionada con esta cuestión. Nós presentamos un proxecto para a nosa cidade; dá a impresión de que a oposición só busca que non haxa unha maioría. A min non me obsesiona.

—Ramoncín cantoulle ao formigón. Habería que traelo ás festas de San Roque?

—As festas organízaas a concelleira de Cultura, e faino moi ben. E a quen me falan de formigón eu fálolles de accesibilidade das persoas maiores. Poden preguntarlles aos maiores que levaban anos sen camiñar polo paseo marítimo. Quedando moito por facer, a min o que máis me importa é que a nosa cidade sexa accesible e segura para todos. Non hai máis que viaxar un pouco. Hai cidades de referencia nas que non fan as beirarrúas con formigón: é que son directamente de asfalto.

—«La arruga es bella». O formigón tamén?

—Cada un de nós temos un gusto estético. O que embelece as nosas rúas é a xente que ocupa o espazo público. Ver nenos e nenas xogando na rúa. No mesmo camiño das cidades europeas.

—Nalgunha desas cidades premiadas vin que as bicicletas compartían carril cos autobuses. Hai maneira de facer un carril bici que non vaia pola rúa?

—Non tería sentido. A bicicleta non é só ocio, é tamén un medio de transporte e debe ter o seu lugar, como o teñen os automóbiles. A bici chegou para quedar. Non só aquí, senón na maioría das cidades, con gobernos de todas as cores. Lembro o PP recollendo sinaturas contra a humanización de Rey Daviña. Supoño que hoxe estarán arrepentidos.

—Algo do que estea orgulloso?

—A transformación da cidade, a resposta que fomos quen de dar fronte a pandemia e lograr cuestións cruciais, coma a conexión en AVE con Madrid e o centro de saúde en Comandancia, nun mandato realmente complicado.

—Non todo será bo.

—Non. Gustaríame que a pandemia e a burocracia non ralentizasen varios proxectos.

—Móllese coma na Auga. Que socio lle viría mellor?

—Nós gobernamos con maioría, pero tamén en minoría, sendo quen de chegar a acordos. O 28M estaremos na posición que decidan os vilagarciáns. E agardamos mollarnos en San Roque.