O Arousa pecha a xornada do ascenso do Bergantiños

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

Martina Miser

Os de Luisito reciben sen marxe de erro o Alondras

28 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A Liga de Tercera R.F.E.F. encamíñase cara ao seu fin. Proba de que é así foi a consecución no día de onte do título e do único ascenso directo en xogo por parte do Bergantiños, que con tres xornadas inda por diante, poderá darse o gusto de vivir outros tantos pasillos de honra logo de vencer 3-1 nas Eiroas a U.D. Ourense que só seis días antes empequenecera o Arousa sobre o céspede do Couto.

Con xornada entre semana o vindeiro mércores e con tres partidos no prazo de entre oito e nove días, o Arousa foi xunto co Alondras, o seu rival esta tarde na Lomba (17 horas), os únicos equipos dos 18 do grupo galego da Tercera R.F.E.F. que decidiron non adiantar o seu partido da xornada 31. Menos tempo de recuperación por diante e a única vantaxe anímica de saber que os de Luisito Míguez que os seus inmediatos perseguidores a pifiaron na véspera. A U.D. Ourense, cun resultado lóxico ante un Bergantiños motivado polo premio maior que se cobrou, o Atlético Arteixo, sorprendido cun 3-1 por un Betanzos que se bate o cobre para evitar o descenso. Ademais, o Gran Peña Celta C segue empeñado en deixar ata o final a confirmación da súa segunda praza, co seu décimo quinto empate en 31 partidos, desta volta no campo do filial do C.D. Lugo, o Polvorín (1-1), estirando así a 7 os puntos de vantaxe co Arousa máis o diferencial particular.

Así as cousas, o adestrador arlequinado sinalaba onte que o vestiario da Lomba chega ao choque de hoxe co Alondras, oitavo 8 puntos por debaixo do seu anfitrión e a tiro de cinco dos postos de promoción de ascenso, «co un poco de incertidumbre porque tenemos a varios futbolistas tocados». Tamén «con muchas ganas de demostrarle a la gente que lo del otro día —o 4-1 encaixado no Couto— no fue normal [...] Vamos a tratar de demostrar lo buen equipo que somos».

O vindeiro mércores, día 1, o Arousa visitará a U.D. Somozas, que hai tempo deixou de ser aspirante á promoción de ascenso para pelexar hoxe por evitar o descenso. Catro días despois, o domingo 5, tocará recibir na Lomba ao Atlético Arteixo nun partido chamado a definir desde que posto iniciará o Arousa a fase á Segunda R.F.E.F.