Vilagarcía é hoxe escenario de dúas das sete etapas da Epic Race de BTT

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

Ramón Leiro

O recinto de Fexdega será o punto de finalización e de inicio de cada unha delas a primeira hora da tarde

08 jun 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A Epic Race, proba Non Stop de ciclismo de montaña con 200 participantes e opción de escoller entre un percorrido de 300, de 200 ou de 100 quilómetros por parte da provincia de Pontevedra, inclúe este ano Vilagarcía de Arousa en dúas das súas sete etapas.

A carreira de BTT, que os competidores poden encarar individualmente ou en equipos de dous ou tres bikers, dá hoxe o seu sinal de saída ás oito da mañá desde a Praza de España da cidade de Pontevedra para os ciclistas dos trazados de 300 e de 200 quilómetros, e ás dúas da tarde para os de 100. Os primeiros disporán de 28 horas para completar o percorrido fixado pola organización, 16 os segundos e 9 os que tiveran escollido os cen quilómetros. Unha modalidade que obrigará ao groso do pelotón a rodar tamén pola noite, dispoñendo de entre seis e dúas estacións de hidratación e de asistencia, segundo a distancia, con paso obrigatorio por elas e tendo prohibido calquera tipo de apoio ao longo da carreira máis aló destes puntos.

Fexdega como punto neurálxico

Un deles situaráse na parte dianteira do recinto de Fexdega. Os ciclistas da Epic Race chegarán a Vilagarcía de Arousa a través do monte Lobeira e pola avenida Agustín Romero na conclusión da segunda das sete etapas, que sairá de Poio, con 59 quilómetros de percorrido e un desnivel positivo de 1.150 metros e negativo de 1.200. Tras o avituallamento e a asistencia en Fexdega, os corredores iniciarán a terceira etapa, con final en Caldas de Reis tras 35 quilómetros de percorrido en un desnivel positivo e negativo de 800 metros a través do monte Xiabre. Os responsables da Epic Race contan con que os participantes pasen pola capital arousá entre a una e as catro e media da tarde, sen que o seu goteo supoña o peche de tráfico de ningunha rúa nin vía de circulación.