A ofensiva do PSOE contra o «sablazo» de Sogama chegará aos concellos do Salnés
VILAGARCÍA DE AROUSA
David Regades: «O Goberno galego o que fai é impoñer pola porta de atrás intentando colar esta suba brutal»
02 sep 2024 . Actualizado a las 17:10 h.Os 61 concellos da provincia e a Deputación provincial terán que debater unha moción do PSdeG-PSOE para solicitar a paralización inmediata do «sablazo» de Sogama e instar á Xunta a comezar a apostar, «cos investimentos e actuacións reais», por modelos alternativos de xestión dos residuos, máis enfocados na reciclaxe e na economía circular, segundo indican fontes do partido no Salnés.
O secretario xeral provincial socialista, David Regades, anuncia que a moción que se rexistrará os próximos días é un acto de «defensa cidadá» contra a suba unilateral dun 64 % coa que Sogama «pretende que o canon que cobra aos concellos pola incineración do lixo pase de 66 euros a 108 por tonelada a partir de 2025», engaden. Unha suba que se acumula á xa realizada o pasado mes de xullo cando se eliminou a bonificación do 15 % acordada coa FEGAMP para os concellos que instalaron o contedor marrón de residuos orgánicos. Regades recalca que aos concellos non lles vai quedar outra que trasladar o impacto ao recibo municipal do lixo a partir de xaneiro do próximo ano.
Dende a formación indican que «a única explicación que ofrece a Xunta é a entrada en vigor dun imposto ambiental que grava as formas menos sostibles de tratamento do lixo, «obviando sempre que responde a unha directiva europea do 2018, de obrigado cumprimento por tanto en toda a Unión Europea e que, ademais, a recadación do gravame correspóndelle á propia Xunta».
A moción reclama, entre outras cousas, o mantemento do canon de 66 euros por tonelada coa actualización só do IPC anual, manter a bonificación do 15 % para os concellos con selección de orgánicos e que se abra unha negociación franca coa FEGAMP en lugar de «impoñer, que é o que fai o Goberno galego pola porta de atrás intentando colar esta suba brutal».
David Regades indicou que é necesario que todos os alcaldes e alcaldesas do PP e o presidente da Deputación «se retraten» deixando moi claro, coa súa votación, a quen defenden e a que intereses obedecen. Ademais, afirmou que ningunha administración «medianamente eficiente e responsable» sube de golpe o custo dun servizo público un 64 %.
O secretario xeral socialista considera «hipócrita» que Sogama diga que os concellos non están obrigados a repercutir o custo á veciñanza, cando a taxa municipal de recollida e tratamento de lixo debe, por lei, repercutir os custos reais do servizo. «Os concellos non poden seguir absorbendo os excesos da Xunta, as gravosas competencias impropias e un financiamento autonómico conxelado dende hai 15 anos. Se a Xunta quería fulminar as economías municipais, con isto dá o golpe definitivo», indica.
Insta tamén aos 229 concelleiros e concelleiras socialistas da provincia a facer un esforzo de divulgación entre a cidadanía dos efectos desta suba do 64 % nos custes do tratamento do lixo, «porque cando a xente vexa a suba no recibo municipal, a partir de xaneiro do 2025, a primeira reacción será botarlle a culpa ao seu concello; unha baza cobarde coa que a Xunta de Galicia xempre xoga, sabendo que boa parte da fiscalidade autonómica vai oculta nos recibos municipais», conclúe.