Seis anos de goberno de Pedro Sánchez, os grandes retos da mocidade española seguen pendentes de ser abordados
30 nov 2024 . Actualizado a las 19:21 h.Hai uns días coñeciamos o estudo elaborado por Education First (EF) que colocaba a Galicia como líder en España en coñecemento de inglés e nos postos máis altos no resto do mundo. Un verdadeiro logro dos alumnos e docentes que, día a día, fan que o sistema educativo galego sexa unha referencia.
En contraposición, despois de 6 anos de goberno de Pedro Sánchez, os grandes retos da mocidade española seguen pendentes de ser abordados. Sirva como exemplo a protección da mocidade nos contornos dixitais.
Hai poucas semanas, tiven a honra de estrearme no hemiciclo do Congreso dos Deputados para lembrarlle ao PSOE que xa está ben de tentar gobernar a golpe de tuit. A protección dos usuarios nos contornos dixitais é unha das necesidades máis urxentes que temos no nos pais.
Dende o mes de febreiro de 2024, na Unión Europea aplícase un Regulamento de Servizos Dixitais (DSA) que ofrece a posibilidade de limar parte dos riscos cos que contamos na rede para evitar así adiccións ás tecnoloxías que frustran o noso día a día e que poden desencadear problemas futuros. Por exemplo, accións como o scroll infinito ou a manipulación dos usuarios a través de algoritmos poderían estar controlados en España se o goberno de Pedro Sánchez realizase as modificacións legais necesarias; neste caso, habilitar á CNMC para realizar dito control.
Tampouco se trata de prohibir indiscriminadamente o acceso a internet aos menores de idade. Iso, sen dúbida, sería poñerlle portas ao campo. Debemos ofrecer as ferramentas necesarias para que familias e mozos poidan coñecer os riscos da tecnoloxía.
Hai apenas un ano, Galicia foi pioneira en prohibir o uso de smartphones nos colexios e en implantar nos centros formación sobre un uso correcto de internet e da tecnoloxía. A pesar das críticas dalgúns, hoxe podemos afirmar que familias e docentes valoran moi positivamente os primeiros resultados destas medidas.
Este debe ser o camiño a seguir, lonxe das promesas baleiras, feitos. Falar facendo e non falar por falar.