Felipe Peredo deixa o Arousa

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

O club comunica que ambas as dúas partes veñen de chegar a un acordo para a saída do mediocentro cántabro

08 ene 2025 . Actualizado a las 13:08 h.

O Arousa comunicou na mañá deste mércores a saída de Felipe Peredo do equipo vilagarcián. Nun breve comunicado de prensa, o club informa de que ambas as dúas partes veñen de chegar a un «acordo para a rescisión do contrato de Felipe Peredo», ao que o Arousa lle «agradece o seu compromiso e a súa actitude desde o primeiro minuto e deséxalle a mellor das sortes no futuro». 

Aos seus 27 anos, o mediocentro cántabro, fichado o pasado verán no vestiario da Lomba logo de facer toda a súa carreira no Laredo da súa localidade natal, a última temporada na Tercera RFEF, prometía inxectar veteranía á medular arlequinada. Lonxe diso, marcha con apenas 155 minutos de xogo repartidos en sete partidos de Liga. Certo é, lastrado por unha forte lesión xusto no partido que marcou o punto de inflexión do Arousa tras as súas tres derrotas nas primeiras xornadas de Liga. Fronte ao Racing Vilalbés, Felipe Peredo sufriu a rotura parcial do ligamento lateral interno e unha escordadura no ligamento cruzado no seu xeonllo esquerdo, que o mantiveron afastado dos terreos de xogo un par de meses

A saída do centrocampista cántabro libera unha terceira ficha sénior no Arousa, que, xa adiantaba a semana pasada o seu adestrador, Míchel Alonso, busca reforzos nestas catro últimas semanas de mercado cos que encarar coas máximas garantías a segunda volta da Liga para remontar a vantaxe coa que a UD Ourense goberna a clasificación. Máxime, cando todo apunta a que tanto Carlos Torrado coma o pichichi do campionato, Álex Compa, sofren lesións de longa recuperación tras retirarse ambos os dous mancados do derbi do pasado sábado co CD Boiro.