O Arousa volve á Lomba sen marxe de erro tras durmir fóra da zona de promoción

VILAGARCÍA DE AROUSA

Sen centrais puros, Perú vese na obriga de remendar a zaga ante o modesto Barbadás
16 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O Arousa regresa hoxe a casa. Desde as cinco da tarde, o equipo que dirixe David López, Perú, enfróntase ao Barbadás sobre o céspede da Lomba. Un terreo de xogo sometido a traballos de recuperación pola Fundación de Deportes de Vilagarcía de cara ofrecer un escenario que posibilite a práctica do fútbol a ras de solo e sen temor a lesións dos xogadores por problemas de inestabilidade do chan. Logo de ter que competir nas súas dúas anteriores comparecencias coma local no sintético do Manuel Jiménez, o Arousa confía en que A Lomba se converta a partir de agora no seu aliado para coller o camiño cara a fase de ascenso. Hoxe, sen a menor marxe de erro, logo de sumar tan só 1 dos últimos 4 puntos en xogo e de ver como o Alondras o desbancaba onte do quinto posto coa súa sorprendente vitoria no campo da Sarriana por 1-2, que o coloca quinto con 42 puntos, polos 40 do Arousa a falta do que faga esta tarde.
Como o Atlético Arteixo, o rival da semana anterior, o Barbadás é un dos equipos inmersos na zona de descenso directo do grupo galego da Tercera, antepenúltimo na táboa con 22 puntos.
Máis aló dunha dinámica demoledora, con 9 goles encaixados tan só nos últimos seis partidos de Liga, a un promedio de 1,5 por encontro, o Arousa xoga hoxe sen un só dos seus catro centrais específicos, os mancados Tafa e Pacheco, e os expulsados a semana pasada Samu Santos e Dani Sánchez. Na rolda de prensa previa ao partido, Perú falou do lateral Mario García e dos mediocentros Óscar Varela e Javi Rey como candidatos a remendar a parte frontal da zaga. No caso do primeiro, recordou, podendo caer a unha demarcación na que xa xogara a temporada pasada no Coruxo na Segunda Federación. O porteiro Adri e o central Paulo son os dous xuvenís que completan a nova convocatoria vilagarciá.
O adestrador caldense sinalou que o Barbadás se sinte moi cómodo en campos pequenos, como no que xoga, onde «saca mucho rendimiento a su juego directo, con futbolistas que se mueven bien orientados hacia ese primer duelo, como Joao o Riveiro», di Perú. A Lomba non se presta a iso. Xa que logo, e «tomando como referencia cómo jugó en O Couto —fronte ao líder, a UD Ourense—, seguramente bajen su bloque defensivo», sinala o técnico do Arousa. Fronte a iso, a folla de ruta do cadro arlequinado está ben definida: «Tenemos que tener criterio con el balón, no contagiarnos de ellos. Atacando con amplitud podemos hacerles mucho daño, encontrando ese hombre que pueda jugar hacia adelante y atacar su línea defensiva». E sobre todo, que os xogadores do Arousa non se equivoquen como o están a facer na toma decisións nas zonas de perigo que dean pé a engordar a longa nómina de goles en contra xurdidos de erros non forzados.
Os afeccionados teñen hoxe acceso libre á Lomba para presenciar un partido declarado de portas abertas polo club, a fin de aumentar o apoio desde a grada ao cadro de Perú.