O Salvamento Vilagarcía gaña o título autonómico júnior de piscina
VILAGARCÍA DE AROUSA
O C.N.S. Vilagarcía brillou a pasada fin de semana na primeira edición do Open Galego de Piscina Absoluto e trixésimo primeiro Campionato Galego Xunta de Galicia de Salvamento de Piscina que se celebrou na Piscina Rosario Dueñas de Ourense. Unha cita na que os integrantes do seu equipo júnior masculino se proclamaron campións autonómicos da súa categoría, secundados polos seus compañeiros con cadanseu bronce por equipos nas categorías júnior feminina, absoluta feminina e nas globais tanto júnior coma absoluta.
Os resultados, sustentados sobre unha cantidade enorme de podios, tanto individuais coma nos relevos, dos doce nadadores do club arousán confirman o C.N.S. Vilagarcía como unha das grandes referencias do salvamento a nivel galego tras a pandemia. Sobre todo, nas categorías de formación que adestra Sonia Taladriz.
Exemplo do anterior é a participación de varios deportistas do club en dúas citas destacadas ao longo do vindeiro mes. O 12 e 13 de abril, na sexta edición do Campionato de España Infantil e Cadete, con Carlos Abella e con Anne Vicente desprazándose á localidade valenciana de Bétera. E do 2 ao 4 de maio, xuvenís e júniores do club viaxarán a Torrevieja para competir na décimo terceira edición da prestixiosa Spanish Open Juvenil, Júnior e Absoluto.